top of page
Foto del escritorLaura Moure

A Xunta asina un convenio de 80.000 € co concello de Boimorto para impulsar o benestar dos maiores

A conselleira de Política Social e Igualdade destacou que é fundamental a colaboración entre administracións para seguir mellorando a atención ás persoas dependentes



Laura Moure/Boimorto

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, asinou un novo convenio co concello de Boimorto para seguir promovendo actividades de atención integral a dependentes. No texto asinado este venres coa alcaldesa do municipio, María Jesús Novo, recóllese a continuidade das actuacións iniciadas no 2017 para a detección precoz do deterioro cognitivo e posible intervención entre as persoas maiores.


A Xunta destina unha partida de 80.000 euros a este convenio que permitirá ao concello de Boimorto seguir realizando o programa de atención integral no ámbito da saúde e benestar dos maiores, que se vén realizando desde o ano 2017. O obxectivo destas actuacións é reforzar a autonomía persoal e mellorar a calidade de vida das persoas maiores.

No desenvolvemento deste programa participarán diferentes expertos, entre eles os profesionais da Unidade de Psicoxerontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, que realizarán diferentes iniciativas para sensibilizar aos maiores e aos seus achegados sobre a importancia da detección precoz dos problemas cognitivos que poden xurdir na vellez. 


Así mesmo, crearase un plan de actuación e asesoramento que contará con sesións individuais e grupais e tamén se realizarán test de avaliación. Está previsto que a poboación poida recibir esta atención nos centros municipais ou nos seus domicilios se presentan problemas de mobilidade. 


Compromiso do Executivo galego cos maiores

Fabiola García destacou que a sinatura deste convenio é unha proba máis do compromiso do Executivo galego coas administracións locais para impulsar diferentes recursos de proximidade que permitan ás persoas maiores pasar tempo nas súas casas baixo coidados profesionais.


Publicidade

Neste senso, a conselleira fixo fincapé no compromiso da Xunta de Galicia para permitir que as persoas da terceira idade poidan escoller onde queren pasar a súa vellez. Por iso, sinalou que o Executivo galego vai seguir traballando para impulsar diferentes recursos de atención en toda Galicia, especialmente nas zonas menos poboadas e rurais.


Ademais, Fabiola García lembrou que a través do Plan de Investimentos a Consellería de Política Social e Igualdade financia con medio millón de euros a  reforma e ampliación da residencia municipal de maiores deste concello.

0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page