A Xunta aproba o proxecto definitivo para a mellora de seguridade no Camiño de Inverno con 13 sendas
- Laura Moure

- 9 jun
- 2 min de lectura
A actuación intégrase no plan de seguridade viaria do Camiño de Santiago que prevé accións de mellora en 150 km das nove rutas xacobeas cun investimento de 40M
Laura Moure/Deza
O Consello da Xunta aprobou na súa reunión deste luns o proxecto definitivo de trazado e construción dos treitos comúns no Camiño de Inverno. Esta actuación enmárcase nos esforzos do Goberno galego pola mellora funcional, estética e de seguridade viaria do Camiño de Santiago, co horizonte do próximo Xacobeo 2027.

O proxecto inclúe a execución de 13 novas sendas peonís segregadas distribuídas ao longo do Camiño de Inverno, adaptadas ás condicións topográficas, paisaxísticas e funcionais de cada ámbito. Mediante as obras actuarase en distintos treitos en que a ruta xacobea coincide coa rede viaria, de tal modo que se facilitará un tránsito seguro, ao evitar o tráfico rodado, e se favorecerá a mobilidade sostible, a accesibilidade e a calidade ambiental, integrando o trazado na paisaxe.
PUBLICIDADE
En concreto, estas sendas peonís coinciden con estradas de titularidade autonómica, provincial e municipal, localizadas nos concellos de Carballeda de Valdeorras, O Barco de Valdeorras, A Rúa, Quiroga, Monforte de Lemos, Chantada, Rodeiro e Lalín.
O plan previsto foi levemente modificado tras a súa publicación inicial, posto que durante o período de información pública remitíronse a Turismo de Galicia alegacións que se analizaron e ás cales se lles deu resposta no correspondente informe. De resultas, modificáronse respecto do proxecto inicial varios puntos quilométricos dun treito afectado, situado no concello do Barco de Valdeorras. Este foi, pois, o trazado que se levou ao Consello da Xunta para a súa aprobación definitiva.
PUBLICIDADE
No marco do plan de mellora da seguridade viaria do Camiño de Santiago, a Xunta de Galicia prevé actuacións en máis de 150 quilómetros das nove rutas xacobeas, co obxectivo de garantir a seguridade nas zonas críticas de circulación. Para isto, está previsto un investimento de ata 40M€.








Comentarios