top of page

A Xunta anuncia melloras na rede de saneamento de augas residuais de Santa María de Melide

Ángeles Vázquez salienta que o Concello conta cunha axuda de Augas de Galicia de preto de 29.000 euros para financiar o 100% das obras necesarias para corrixir as infiltracións no sistema procedentes da piscina e da antiga fonte municipais


Laura Moure/Melide

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo a pasada semana un encontro coa veciñanza da parroquia de Santa María de Melide para analizar as deficiencias que presenta a rede de saneamento municipal nesta parte do concello e avaliar actuacións de mellora coas que optimizar o funcionamento das distintas infraestruturas.

A responsable autonómica, que estivo acompañada polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, explicou que o Goberno local realizou en 2024 unha auditoría do sistema de saneamento municipal co apoio da Xunta que revelou que a rede que verte á estación depuradora de augas residuais (EDAR) conta cun problema estrutural de infiltración de augas limpas (pluviais e de drenaxe). A situación, recolle o informe, é especialmente delicada nas bacías asociadas ás estacións de bombeo de augas residuais (EBAR) de Santa Mariña Lavadoiro e Santa Mariña Cemiterio.


Nesta liña, a conselleira lembrou que, co fin de solucionar parte deses problemas, o Executivo galego concedeu unha axuda ao Concello de preto de 29.000 euros para financiar o 100% das actuacións requiridas para mellorar o subsistema da EBAR Lavadoiro. Eses traballos, que se centran en dúas das actuacións identificadas como prioritarias na auditoría, permitirán desconectar tanto a rede de drenaxe subterránea da piscina municipal de Melide como a da antiga fonte municipal, o que evitará as intrusións de auga no sistema e a súa sobrecarga.


 Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA


A maiores, tamén está prevista a instalación dun sistema de telecontrol remoto nas EBAR do Ribeiro e de Zaramil -pois son as únicas dúas estacións de bombeo que aínda carecen deste mecanismo de control telemático- para mellorar a xestión dixital do ciclo da auga urbano. Con el poderase comprobar a distancia o nivel de auga dos pozos de bombeo, o consumo das bombas ou o número de horas de funcionamento ao tempo que se contará cun sistema de alarma que alertará en caso de que se produzan desbordamentos ou fallos nos equipamentos.


Ángeles Vázquez trasladou tamén á veciñanza desta parroquia melidense que Augas de Galicia está a avaliar o resto de necesidades detectadas pola auditoría na rede de saneamento do concello co fin de buscar as mellores solucións e trasladalas ao Goberno local. Nesta liña, lembrou que as competencias nesta materia son municipais, pero que a Xunta vai seguir apoiando a esta e ao resto de entidades locais de Galicia, tanto técnica como economicamente, para o desenvolvemento de actuacións que permitan mellorar os servizos prestados á cidadanía en relación coa xestión da auga.

 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Ampliación do saneamento

A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático salientou que boa mostra deste compromiso son as obras rematadas o mes pasado de ampliación do saneamento de Santa María de Melide, que contaron cun investimento de máis de 150.000 euros dos que Augas de Galicia aportou o 80% co apoio de fondos europeos. Os traballos permitiron instalar un novo colector de saneamento (de máis de 450 metros de lonxitude) e 10 pozos rexistro para conectar unha decena de vivendas coa rede de saneamento da zona, executada en 2020 cun investimento de máis de 126.000 euros.


Neste sentido, Ángeles Vázquez agradeceu a xenerosidade dalgunhas veciñas e veciños da parroquia que cederon terreos para executar esta obra cun trazado diferente ao inicialmente previsto. O primeiro proxecto prevía perforar horizontalmente a estrada N-547 nun treito de 38 metros e a unha profundidade de seis metros, o que podía poñer en risco a estrada e dificultar a conexión das acometidas das vivendas, motivo polo que se optou por esta solución alternativa máis segura e efectiva.

Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

As actuacións en Melide son unha mostra máis do apoio da Xunta ás administracións locais no exercicio das súas competencias relacionadas coa xestión da auga. Ese compromiso reflíctese tamén nas contas de 2026, cun orzamento global de Augas de Galicia de 151,7 millóns de euros, un 5,5% máis ca en 2025. Deles, 7 de cada 10 euros destinaranse a abastecemento e saneamento -preto de 109 millóns de euros- e case a metade -máis de 73 millóns de euros- especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page