Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Pladur Touro.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

A Xunta anima aos locais do rural a apostar pola calidade para consolidar Galicia como destino

Laura Moure/Deza

O conselleiro do Medio Rural, José González, clausurou este mediodía a cerimonia de entrega de diplomas dos distintivos Sicted de calidade turística en destino, promovidos pola Asociación de Desenvolvemento Rural Terras de Pontevedra Norte (GDR 16). Acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e polo alcalde de Lalín e presidente deste GDR, Xosé Crespo, o conselleiro destacou que este grupo de desenvolvemento rural fose pioneiro na nosa comunidade fomentando a implantación deste distintivo de calidade dende o ano 2018. Tamén estiveron presentes outros mandatarios de Deza como o de Agolada, Luis Calvo, ou o de Rodeiro, Rubén Quintá.


Identificando o rural coa calidade, José González lembrou que este é un dos tres principais eixes de actuación da Consellería, xunto coa prevención e a recuperación. Nesa liña, lembrou que a Lei de recuperación da terra agraria xa está en vigor -tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia o pasado venres- para poñer en valor as terras abandonadas ou en estado de infrautilización mediante figuras como as aldeas modelo ou os polígonos agroforestais, que permiten impulsar actividade económica ao tempo que exercen de devasa natural fronte aos lumes forestais.


Na súa intervención, o conselleiro apostou por impulsar proxectos que funcionen e que se consoliden no rural, xerando emprego e tamén calidade de vida. Proxectos como os dos 30 establecementos que recibiron hoxe o seu diploma acreditativo e a súa correspondente placa para exhibir no exterior dos seus negocios, que exercerá de garantía e atractivo de cara aos eventuais visitantes e clientes.


En concreto, esta trintena de establecementos foron recoñecidos por completar satisfactoriamente os requisitos do seu ciclo ao abeiro do distintivo Sicted de calidade turística en destino, un modelo de acreditación que traballa con negocios e servizos turísticos de ata 36 oficios diferentes, co obxectivo último de mellorar a experiencia e satisfacción do turista. Posto en marcha polo Goberno central co apoio da Federación española de municipios e provincias (FEMP), o recoñecemento consta de 6 ciclos mediante os que os establecementos reciben formación e asistencias técnicas individualizadas, debendo superar unha avaliación anual para pasar ao ciclo seguinte.

Cómpre apuntar que cada ano o GDR Terras de Pontevedra Norte inviste unha parte significativa do seu orzamento de dinamización en 100 horas de formación, 85 horas en asistencias técnicas individuais e máis de 100 horas de avaliacións entre os 67 establecementos adheridos ao Sicted a día de hoxe, nunha firme aposta pola calidade como elemento diferenciador do xeodestino Deza e Tabeirós do que tamén son xestores.

Os asistentes ao encontro este luns.

51 vistas0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE