A Xunta adxudica unha intervención na fachada da capela do Rosario do Mosteiro de Sobrado
A actuación céntrase na restauración de tres columnas que presentan varias fisuras con risco de desprendemento
Laura Moure/Sobrado
A Xunta de Galicia adxudicou, por valor de 48.000 euros, as obras destinadas a actuar sobre tres columnas que forman parte da fachada da capela do Rosario, pertencente ao Mosteiro de Sobrado dos Monxes, co obxectivo de arranxar as fisuras que presenta e garantir a súa conservación.

Así, e tras detectar que estas estruturas rexistran danos na parte superior, no seu encontro cos capiteis corintios da portada barroca desta capela, a intervención céntrase en evitar riscos e asegurar a protección dun inmoble que é parte dun conxunto declarado Ben de Interese Cultural. Deste xeito, levaranse a cabo os traballos precisos para garantir a seguridade e a conservación de pezas orixinais de valor histórico e artístico que poderían perderse se continúa o deterioro.
PUBLICIDADE
Neste senso, a actuación realizarase despois de ter comprobado que non hai problemas estruturais máis profundos e que se trata, probablemente, dunha oxidación das pezas de ferro de conexión no interior entre os fustes e os capiteis. Segundo o estudo, a causa do deterioro podería estar relacionada con algún axente externo que puido implicar un cambio químico que acelerase a corrosión do ferro.
O proxecto de restauración destas pezas contempla a eliminación dos elementos metálicos de unión entre os capiteis e as columnas coa súa desmontaxe, para proceder despois á limpeza, rehabilitación e pegado das pezas rotas. Seguidamente, tras unha avaliación sobre o terreo das causas do deterioro, mediante probas que teñen que ver co proceso corrosivo, recolocaranse os capiteis restaurados na súa posición orixinal.
PUBLICIDADE
Patrimonio do Camiño
Con esta intervención a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mantén o seu compromiso co mantemento e preservación nas mellores condicións do patrimonio galego, especialmente o vencellado ás rutas xacobeas como é o caso do Mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes, que está asociado á declaración como Patrimonio Mundial dos Camiños do Norte por parte da Unesco.
Cómpre lembrar nesta liña que a Xunta de Galicia completou a mediados do ano pasado os traballos de conservación realizados neste enclave histórico nos que investiu máis de 2M€.









Comentarios