top of page

A Xunta adxudica as obras dunha senda peonil na estrada AC-240 en Touro

A actuación adxudicouse por preto de 50.000 euros e comezará a executarse nas vindeiras semanas


Ecos da Comarca/Touro

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acaba de adxudicar as obras dunha senda peonil na estrada AC-240 no concello de Touro, que amplían e dan continuidade ao itinerario entre Burres e Ponte Ulla. Esta intervención, adxudicada á empresa Construcciones Leonardo Miguelez, S.L. por un importe de preto de 50.000 euros, comezará nas vindeiras semanas.

Trátase da construción de tres treitos de senda peonil na marxe esquerda da AC-240, ao seu paso polo municipio coruñés. Executarase un treito no entorno do punto quilométrico 22+200; outro, entre os puntos quilométricos 22+600 e o 22+805, ambos os dous en Prevediños; e o último, entre o quilómetro 13+303 e o 13+424, en Fonte Díaz.

En total, habilitaranse 400 metros lineais de senda, que permitirán ampliar e dar continuidade aos itinerarios peonís existentes entre Burres e Ponte Ulla.

O obxectivo desta actuación é contribuír a favorecer a mobilidade dos veciños en condicións máis seguras e sostibles. En concreto, como tarefas previas ás obras, procederase á escavación de sobreancho, corte do pavimento existente en todos os treitos e demolición das gabias na contorna do quilómetro 22+700.

Tras estes traballos procederase ao estendido dunha capa de 15 centímetros de saburra que servirá de soporte ao pavimento da senda para, a continuación, dispor pavimento de formigón de cor terrizo, de 15 centímetros de espesor e 1,80 metros de ancho, que irá armado con mallazo.

Como obras complementarias, levaranse a cabo actuacións de drenaxe nos treitos de Prevediños, mediante a construción dunha canalización con tubaxe de PVC de 315 mm de diámetro, coas súas correspondentes arquetas.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page