top of page

A Xunta abre hoxe a inscrición na nova convocatoria dos cursos gratuítos de condución segura de motos

Actualizado: 11 ago 2025

Celebraranse en setembro e outubro


Laura Moure/Xeral

A Xunta abre este luns, día 11 de agosto, o prazo de inscrición para participar nunha nova convocatoria dos cursos gratuítos de condución segura de motocicletas, cuxa nova quenda se celebrará nos vindeiros meses de setembro e outubro. Trátase da segunda convocatoria para este ano dos cursos gratuítos dirixidos a motoristas e que a Xunta impartiu os pasados meses de maio e xuño en Curtis, Pontevedra e Ourense e no que participaron un total de 160 motoristas.


Nesta convocatoria celebraranse 8 cursos gratuítos de condución segura de motos, que se impartirán en catro xornadas e dúas quendas diarias, en Monforte de Lemos, O Porriño, Culleredo e Narón.

Estes cursos gratuítos están dirixidos a persoas maiores de 18 anos con permiso de condución de motocicletas (3 anos de experiencia no caso de permiso B), que desexen mellorar o control da motocicleta e conducir de forma máis segura.


Os interesados poden inscribirse, desde o luns ás 9 horas, ata cubrir as prazas dispoñibles nesta segunda convocatoria. A inscrición poderá realizarse a través das páxinas web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/seguridade-viaria/plan ou directamente na entidade colaboradora Motovial, Escola de condución motocicletas: www.motovial.gal

Os participantes deberán asistir coa moto en bo estado e coas condicións legais de uso. Os alumnos portarán casco homologado, luvas, botas e roupa de protección, así como a documentación relativa ao seguro obrigatorio do vehículo e á ITV en vigor.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Programación

As xornadas formativas distribuiranse en dous cursos por día, un de mañá e outro de tarde, tendo cada un dos grupos un máximo de 20 alumnos. O primeiro curso se impartirá o día 3 de setembro, no concello de Monforte de Lemos; o 20 de setembro no municipio do Porriño; continuando o 27 de setembro en Culleredo. O cuarto curso desta quenda, será xa o 4 de outubro en Narón.


A actividade deste cursos de formación inclúen unha parte teórica e outra práctica, na que os participantes aprenderán a reaccionar ante situacións adversas, abordaranse temas relacionados coa normativa, con técnicas para mellorar as habilidades dos motoristas e a anticipación do risco e como reaccionar ante el. Ademais, trataranse temas como o mantemento básico da motocicleta, a técnica e o control da freada, a xestión da traxectoria en curvas, as manobras evasivas e coa condución con pasaxeiro.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Con esta iniciativa, a Xunta reafirma o seu compromiso coa seguridade viaria e a formación continua dos motoristas para reducir os riscos nas estradas galegas.

Este programa formativo está incluído no «Plan de Seguridade Viaria 2022-2025. Visión Cero», impulsado pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, dentro do Reto 3: “Visión Cero en usuarios vulnerables: mellora da seguridade dos usuarios de ciclomotores e motociclistas”. Este reto busca a redución dos accidentes e das súas consecuencias, mellorando a seguridade viaria dos usuarios vulnerables, neste caso dos usuarios das motocicletas, conseguindo unhas vías de tránsito e unha mobilidade máis segura.


O obxectivo da Xunta é desenvolver ao longo deste ano e do vindeiro 2026 un total de 32 cursos, nos que poderán participar un total de 640 motoristas.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page