A Asociación Amigos da Empanada desvelou unha completa programación cultural, musical e gastronómica que atraerá a máis de 30.000 asistentes durante a terceira semana de agosto
Laura Moure/Silleda
A Asociación Amigos da Empanada da Bandeira (Silleda) desvelou unha completa programación cultural, musical e gastronómica que atraerá a máis de 30.000 asistentes durante a terceira semana do mes de agosto. María Lama será a pregoeira da 47 edición da cita gastronómica. INICIO A RITMO DE EMPANADILLA O mércores 16 de agosto a protagonista non será a empanada senón a empanadilla, produto gastronómico que abrirá as festas da vila da Bandeira e que estará presente nos diferentes bares da localidade en formato de tapa. A undécima edición desta particular ruta gastronómica estará amenizada pola charanga local Os Empanaos e a Asociación Cultural Os Pereiriños e dará comezo ás 20:00 horas.
Será tan só unha hora máis tarde cando teña lugar o torneo de fútbol tenis organizado pola SD Bandeira no Campo de Fútbol A Gandareira. Finalmente, a partir das 23:00 horas, a Rúa Camilo José Cela presenciará unha longa noite festiva a cargo dos Djs Xavi Villar, Calwin e Cid nunha concorrida DJ Party Night. XOVES CON SABOR A ROCK O xoves 17 de agosto a programación estará centrada durante a tarde nos máis cativos. A partir das 17:00 horas as crianzas poderán gozar de inchables de auga gratuítos na Rúa do Parque, emprazamento onde ás 19:00 horas comezará unha festa da espuma infantil. Os Festivais da Empanada regresan máis fortes ca nunca e será a 24 edición do Festival Bandeirock unha das citas máis esperadas de toda a programación. Ata un total de sete bandas e artistas actuarán dende ás 20:00 horas nun festival que ademais de ser gratuíto, é solidario, podendo todas as persoas que o desexen aportar alimentos non perecedoiros, produtos de hixiene, libros, xoguetes e outros produtos que serán doados a Servizos Sociais do Concello de Silleda para a súa posterior entrega a familias en risco de exclusión social.
Heredeiros da Crus, unha das bandas galegas máis importantes de todos os tempos, Mekanika Rolling Band, Cuarta Xusta ou Salavelatoria actuarán nesta potente edición. Pero non faltarán as bandas locais como a mítica Kona Ke Te Fixo ou Marela que estarán acompañados de Señora DJ. Ademais, haberá pulpería oficial e zona gastronómica.
Publicidade
MESTURA DE TRADICIÓN E MODERNIDADE PARA O VENRES O venres 18 de agosto, A Bandeira contará como xa é habitual, con xogos tradicionais inclusivos da man de Sororas. Será a partir das 17:00 horas na Rúa Xeral, que unha vez máis estará cortada ao tráfico tras obter o visto bo do Ministerio de Fomento. Nesta mesma rúa poderá gozarse ás 19:00 horas dunha nova edición do tradicional campionato de Tiro á Corda, que contará con sección feminina, masculina e infantil así como da terceira edición do Bandeirap que se traslada á xornada do venres tras o éxito acadado nos últimos anos. E a partir das 20:30 h será o quenda do Festival Esmorga Folk, un dos festivais de música folk máis antigos de Galicia, e que chega á súa 33 edición con artistas de primeiro nivel coma Leilía, que se despide dos escenarios, o espectáculo de Caxade e a Banda da Bandeira, A Requinta da Laxeira, os irlandeses Rack & Ruins, o rompedor Mondra ou asociacións locais coma Xirandola, Carballo da Manteiga, A Pinguela de Bama e Raeira e Raiola. O festival será totalmente de balde e tamén contará con recollida solidaria de alimentos non perecedoiros e outros produtos. COMIDA E CEA PARA CELEBRAR A 47 FESTA DA EMPANADA Este ano a Festa da Empanada muda de horarios na súa xornada principal, ou mellor dito amplía os horarios para gozar aínda máis dunha das principais citas gastronómicas da comunidade galega. A entrega da empanadas para o concurso realizarase a partir das 11:30 horas, isto é así xa que o acto da Festa da Empanada terá lugar este ano pola mañá, para ser máis exactos a partir das 12:30 h. Será neste momento cando se celebre o concurso de empanadas, que dende o ano 1975 elixe á mellor empanada do país entre as decenas de creacións que se presentan ao certame. Unha competición que ademais das categorías de profesionais e amateurs contará como novidade cunha sección infantil para aqueles rapaces e rapazas que queiran presentar a súa empanada. Non faltará tampouco Xirandola nin +Quedanza, asociacións que actuarán tamén nesta xornada festiva.
A continuación do concurso e a tradicional subasta, onde se chegaron a pagar ata 2.400 euros por unha empanada gañadora, as persoas que o desexen poderán comer na carballeira nunha gran comida que estará amenizada pola charanga BB+ e Os Varacuncas. A comida é unha das principais novidades desta edición na que as persoas que o desexen xa poderán iniciar a festa pola tarde e ademais polo mesmo prezo xa que as mesas terán o mesmo prezo tanto se se decide comer, cear ou ambas opcións.
Os grupos América S.L. e JB Son serán os encargados de iniciar a festa ás 18:00 horas na Rúa Xeral e ata ben entrada a noite. Mentres tanto, a histórica cea de peñas volverá encher a Carballeira da Empanada con miles de persoas degustando empanadas ao ritmo da charanga Os Alecríns e Argalleiros. A continuación, a famosa orquestra Olympus e a Disco Móbil Radikal co DJ David Expósito manterán a festa ata altas horas da madrugada. O DOMINGO A MÚSICA VOLVE INVADIR AS RÚAS Para as persoas máis valentes que resistan a tantos días de troula, o domingo estará marcado pola música a cargo das Bandas Municipal de Silleda e a Banda Recreativa e Cultural da Bandeira. Ademais, durante a tarde haberá unha actividade infantil, O gran circo galego, e as festas rematarán da man do Dúo Phantom na Rúa Xeral. Cabe recordar que o luns é festivo local en todo o Concello de Silleda por mor da Festa da Empanada e que ademais todas as atraccións estarán rebaixadas.
PREGÓN A CARGO DA XORNALISTA MARÍA LAMA A Valedora da Empanada, María Lama, será a encargada da lectura do pregón da 47 edición da Festa da Empanada. A coñecida presentadora radiofónica xa estivo na Bandeira durante o mes do abril para recoller o galardón de embaixadora da empanada e volverá unha vez máis a unha terra que a recibiu cos brazos ben abertos, proba diso as diferentes aparicións da vila da Bandeira no seu programa a nivel nacional e que conta cunha audiencia diaria de un millón de persoas. María Lama, nada en Vigo no ano 1980 e licenciada en periodismo, ten unha ampla traxectoria no mundo da radio, no que daría os seus primeiros pasos baixo a Cadena SER, destacando a súa participación nos programas “Hora 25” e “Hoy por hoy”. Posteriormente saltou a Los 40 Principales, copresentando o exitoso programa morning show Anda Ya ao que retornaría logo de copresentar o coñecido Atrévete na emisora Cadena Dial. Na actualidade, presenta o espazo de "Las Mañanas Kiss" xunto a Xavi Rodríguez en Kiss FM. Ademais, María Lama ten experiencia no mundo da televisión, colaborando programa Todo va bien de Cuatro ou Zapeando de La Sexta.
A FESTA DA EMPANADA MÁIS GRANDE DA HISTORIA Andrés Seoane, presidente de Amigos da Empanada puxo en valor a programación que hoxe se presenta e o traballo realizado por todas as persoas voluntarias que compoñen a directiva da entidade e que “levan traballando arreo dende hai un ano para presentar a Festa da Empanada máis grande da súa historia polo número de actividades e tamén pola súa calidade”. Un presuposto récord que logrará atraer segundo as estimacións do colectivo a máis de 30.000 persoas nos cinco días de celebración. “Para unha vila de pouco máis de 700 habitantes, os números que estamos a manexar son impresionantes” destaca Seoane que ademais cre que o impacto económico desta edición será histórico, sen precedentes e beneficiará non só á vila da Bandeira senón a toda a comarca. A Festa da Empanada ademais está a ser protagonista de múltiples aparicións en medios de comunicación a nivel nacional entre as que destacan Público, Libertad Digital, COPE, Kiss FM, El Debate, ABC, ES Radio entre outros. Unha forte repercusión que para a responsable de comunicación, Leila Fernández, “permitirá lograr o Interese Turístico Nacional nos vindeiros meses tras un intenso traballo realizado que permitiu chegar a millóns de persoas”.
AGRADECEMENTOS O colectivo organizador quere agradecer a toda a vila de Bandeira e ao seu comercio local o apoio que están a recibir. Tamén aos diferentes patrocinadores privados que decidiron apoiar a Festa da Empanada entre os que destacan Abanca, O Muíño de Cuiña, Helvetia (Inversia Seguros) ou Gadis. Ademais, é importante destacar o compromiso e colaboración do Concello de Silleda, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, que “foron e son determinantes para que a Empanada sexa na actualidade unha das festas máis importantes do noso país”.
Podedes seguir todos os detalles desta festa na súa web: https://www.festadaempanada.org/
Comments