A XNG Intermax desprega en Silleda na súa World Champions Edition un programa variado
Haberá competicións, obradoiros formativos, xogos e experiencias inmersivas dende o 9 ao 11 de outubro
Laura Moure/Silleda
A maior lanparty galega, a XGN Intermax, prepárase xa para a súa World Champions Edition, a cal dará comezo este venres, 9 de outubro, no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA. Esta cita, a 26ª do evento, contará ata primeira hora da tarde do domingo 11 de outubro cun amplo programa de actividades relacionadas coas novas tecnoloxías, a informática e o lecer dixital, aínda que tamén incluirá propostas máis analóxicas para descansar da pantalla sen deixar de desfrutar.
En canto ás propostas dirixidas exclusivamente aos inscritos, a Intranet da XGN Intermax World Champions Edition incluirá nove competicións distintas de arte dixital, unha de set
ups (os postos dentro da party), outra de leds denominada Open Led Race e o AI Contest,
unha proba centrada en programar un robot para que compita con outros nun sinxelo
xogo.

Así mesmo, organizaranse torneos de preto dunha vintena de videoxogos, algúns para pc e outros para consola. Entre eles, haberá oito competicións con premios, a de League of Legends, CS2, Valorant, Rocket League, Mario Strickers, Smash e Mario Kart, e tamén o
torneo especial desta edición Fifa 2027: World Champions Edition, no que se xogará
unicamente con seleccións nacionais en lugar de clubs e, ademais de premios aos tres
primeiros, o gañador recibirá un trofeo moi especial impreso en 3D. As restantes
competicións serán de AoE II Definitive Edition, Clash Royale, Paralives, Pokemon TCGP,
Sims 4, Starcraft 2: Legacy of the Void, Tekken, Taiko, Teamfigth Tactics, Ultra Start e
Web Games.
Por outra banda, no apartado hardware, ademais dunha granxa de impresoras 3D, haberá diversos obradoiros, como o centrado en ensamblar un dummy 13, un pequeno robot
articulado; o de pintura acrílica para darlle cor a figuras impresas en 3D, ou o que
permitirá construír e experimentar cun pequeno coche de xoguete fabricado mediante
impresión 3D cuxo movemento se consegue utilizando a forza do aire liberado por un
globo e permitirá achegarse de xeito práctico a conceptos relacionados con enerxía,
propulsión, movemento, fricción e fabricación dixital.
PUBLICIDADE
A todo iso sumaranse, como en cada edición da party, xogos tan divertidos como debuxo
analóxico ou fast crimping. Ademais da zona Intranet, exclusiva para rexistrados, a party conta novamente coa súa Extranet, área á que poden acceder tanto os inscritos como os visitantes ocasionais do recinto. Esta zona Extranet estará aberta durante os dous primeiros días da party, 9 e 10 de outubro, e incluirá un amplo programa de obradoiros. Entre eles, o de introdución á microsoldadura e os centrados en intelixencia artificial, baixo os títulos “A túa propia IA, no teu portátil”, “Monta o teu asistente de voz” e “Automatiza o traballo repetitivo”, ou os de coslplay, orientados a confeccionar accesorios de personaxes de videoxogos, cine, manga ou cómic.
Engadirase, exclusivamente o día 10 de outubro, unha zona FPV, tecnoloxía de visualización onde o operador experimenta en primeira persoa, nun monitor ou lentes especiais, unha situación ou contorna que recibe a través dunha cámara instalada nun
dispositivo ou vehículo que transmite en tempo real. Incluirá simuladores, pantallas e lentes para achegarse a este mundo, ademais de exhibicións de pilotos de drons ou
actividades como o fútbol con drons.
Así mesmo, todos os días, haberá xogos de mesa, demostracións de xogos de rol, áreas de videoxogos, simuladores, lentes de realidade virtual, mesas de ping pong, futbolíns ou
pistas de baloncesto, entre outras propostas.
PUBLICIDADE
Unha programación que é un eixo fundamental deste evento e que conferirá un gran
atractivo a esta edición especial, a cal contará de novo co apoio da Xunta de Galicia,
impulsora da party, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e co
patrocinio oficial de Intermax Technology. Grazas a esta compañía tecnolóxica galega, a
cal se incorporou ao proxecto en 2024, os participantes poderán navegar a unha velocidade de ata 40 Gbps, o dobre do que se alcanzaba antes da implicación de
Intermax Technology no evento.
Hoxe, xornada preparty
Como é habitual a tarde previa á inauguración, a XGN Intermax abrirá hoxe ás 16:00 horas as súas portas de forma non oficial na súa xornada preparty. Farao para facilitar o acceso
graduado dos inscritos e a instalación tanto dos seus equipos como dos seus útiles para durmir na zona de acampada.
Aínda que os inscritos que acudan xa hoxe poderán comezar a empregar os seus equipos, aínda será unha xornada centrada na realización de probas técnicas e de montaxe para a posta a punto da party e para garantir a estabilidade da conexión de cara ao día seguinte. Así mesmo, o programa de actividades comezará o venres 9 de outubro,
día oficial da apertura do evento.









Comentarios