A XNG Intermax arrinca hoxe en Silleda con 921 inscritos, un 6% máis que na anterior edición
É a segunda mellor cifra desta cita tecnolóxica nos últimos once anos
Laura Moure/Silleda
A maior lanparty galega, a XGN Intermax, pon xa a punto a súa World Champions Edition, unha edición especial que terá lugar dende hoxe venres ata o domingo á primeira hora da tarde no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda,
Nesta cita, a 26ª do evento e que fará unha chiscadela á vitoria da selección española de
fútbol no Mundial, o recinto acollerá a 921 rexistrados na súa Intranet. Un número que
supón un 6,2% máis que o ano pasado, cando foran 867 rexistrados, e a segunda cifra
máis alta de rexistrados dende que a Feira Internacional de Galicia ABANCA colleu a
testemuña da Xunta para xestionar e celebra o evento, hai once anos. Dende ese ano
2015 soamente a superou a edición de 2019, cando foran 932, aínda que este ano a cifra
aínda podería aumentar, xa que as inscricións seguen abertas na web do evento.
PUBLICIDADE
Estes rexistrados desfrutarán e compartirán os seus intereses sobre novas tecnoloxías e
lecer electrónico con outros afeccionados e profesionais, ademais de formarse e competir
en diversas áreas. Dispoñerán dun posto para o equipo informático con dereito a acampar
no interior do pavillón e tamén dun amplo programa de actividades exclusivas. E todos
eles poderán navegar, grazas a Intermax Technology, a unha velocidade de ata 40 Gbps.

Os participantes na Intranet da XGN Intermax puideron acreditarse e instalarse desde
primeira hora da tarde de onte, cando o evento acende motores de forma non oficial na súa xornada preparty para realizar probas e facilitar o acceso, aínda que esta cita e o seu
programa non comezarán ata hoxe.
Formación e entretemento conxugaranse tanto nesta área Intranet como na zona aberta da party, denominada Extranet, que contará durante os dous primeiros días, hoxe, venres, e o sábado, cun interesante programa ao que poderán acceder gratuitamente os inscritos e tamén os visitantes que se acheguen ao recinto.
Un programa para aprender e desfrutar
A XGN Intermax World Champions Edition contará cun amplo programa de actividades
relacionadas coas novas tecnoloxías, a informática e o lecer dixital, aínda que tamén
incluirá propostas máis analóxicas para descansar da pantalla.
En canto ás dirixidas exclusivamente aos inscritos, programa nove competicións distintas de arte dixital, unha de set ups (os postos dentro da party), outra de leds denominada
Open Led Race e o AI Contest, unha proba centrada en programar un robot para que compita con outros nun sinxelo xogo. Así mesmo, organizaranse torneos de preto dunha
vintena de videoxogos, algúns para pc e outros para consola. Entre eles, haberá oito
competicións con premios, a de League of Legends, CS2, Valorant, Rocket League, Mario
Strickers, Smash, Mario Kart e tamén o torneo especial desta edición Fifa 2027: World
Champions Edition, no que se xogará unicamente con seleccións nacionais en lugar de clubs e, ademais de premios aos tres primeiros, o gañador recibirá un trofeo moi especial
impreso en 3D. As restantes competicións serán de AoE II Definitive Edition, Clash Royale, Paralives, Pokemon TCGP, Sims 4, Starcraft 2: Legacy of the Void, Tekken, Taiko, Teamfigth Tactics, Ultra Start e Web Games.
Por outra banda, no apartado hardware, ademais dunha granxa de impresoras 3D, haberá
diversos obradoiros, como o centrado en ensamblar un dummy 13, un pequeno robot
articulado; o de pintura acrílica para figuras impresas en 3D, ou o que permitirá construír e
experimentar cun pequeno coche de xoguete fabricado mediante impresión 3D que
achegará aos participantes de xeito práctico a conceptos relacionados con enerxía,
propulsión, movemento, fricción e fabricación dixital. A todo iso sumaranse, como en cada
edición da party, xogos tan divertidos como debuxo analóxico ou fast crimping.
PUBLICIDADE
Ademais da zona Intranet, exclusiva para rexistrados, a party conta novamente coa súa
Extranet, área á que poden acceder tanto os rexistrados como os visitantes ocasionais do
recinto. Esta zona Extranet estará aberta durante os dous primeiros días da party, e
incluirá un amplo programa de talleres. Entre eles, o de introdución á microsoldadura e os
centrados en intelixencia artificial, baixo os títulos “A túa propia IA, no teu portátil”, “Monta
o teu asistente de voz” e “Automatiza o traballo repetitivo”, ou os de cosplay, orientados a
confeccionar accesorios de personaxes de videoxogos, cine, manga ou cómic.
Engadirase, exclusivamente o sábado, unha zona FPV, tecnoloxía de visualización onde o operador experimenta en primeira persoa, nun monitor ou lentes especiais, unha situación
ou contorna que recibe a través dunha cámara instalada nun dispositivo ou vehículo que
transmite en tempo real. Incluirá simuladores e lentes para achegarse a este mundo,
ademais de exhibicións de pilotos de drons ou actividades como o fútbol con drons.
Así mesmo, todos os días, haberá xogos de mesa, demostracións de rol, áreas de
videoxogos, simuladores, ping pong ou futbolíns, entre outras propostas.
Unha programación que é un eixo fundamental deste evento e que conferirá un gran atractivo a esta edición especial, a cal contará de novo co apoio da Xunta de Galicia,
impulsora da party, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e co
patrocinio de Intermax Technology.









Comentarios