top of page

A xira das food trucks do Sabor das Rías Baixas chega a Lalín o 3, 6 e 7 de maio

É unha campaña da Deputación de Pontevedra na que distribúe de balde preparacións inspiradas nos pratos típicos dos eventos gastronómicos de interese turístico da provincia


Laura Moure/Lalín

A Deputación de Pontevedra continúa a xira das food trucks do Sabor das Rías Baixas con parada en Lalín, Meis e Mondariz Balneario os días 3, 6 e 7 de maio. En Lalín e food truck estará dispoñible na Praza da Igrexa de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00 horas, en Meis na Praza de España de Mosteiro de 12:30 a 18:30 horas e en Mondariz Balneario situarase o 3 e 7 de maio na Casa do Concello e o día 6 nos xardíns do Gran Hotel, en horario de 11:30 a 14:30 e de 18:00 a 21:00 horas. Nos tres concellos a institución provincial distribuirá de xeito gratuíto preparacións inspiradas nos pratos típicos dos eventos gastronómicos de interese turístico da provincia.

O Sabor das Rías Baixas conta cunha frota de tres vehículos que realizan tres rutas polo norte, o centro e o sur da provincia informando sobre a oferta das festas gastronómicas, promocionando e poñendo en valor a gastronomía pontevedresa, e promovendo unha xestión sostible dos recursos desde o punto de vista económico, ambiental e social. Ademais das degustacións inspiradas nos pratos típicos destes eventos, nas food trucks repártese material promocional onde se recollen as datas de celebración, os produtos gastronómicos de referencia cunha breve descrición, e mais o lugar exacto onde se celebra cada festa. Ata a data, distribuíronse xa máis de 48.500 tapas gratuítas inspiradas nas festas gastronómicas de interese turístico.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

O Sabor das Rías Baixas é un paso adiante da Deputación para diversificar a oferta turística da provincia, co obxectivo de atraer turismo interno durante a temporada baixa, e para a descentralización das actividades levadas a cabo por Turismo Rías Baixas en todos os concellos. Este programa serve como ferramenta estratéxica para achegar ao público experiencias culinarias vinculadas á identidade cultural da provincia, para crear novas oportunidades de visita e consumo e tamén para favorecer a actividade económica local.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

As festas promovidas son a Festa do Lacón con Grelos (Cuntis), a Festa do Caldo de Mourente (Pontevedra), a Festa Encontro-Degustación do Millo Corvo (Bueu), Festa da Ostra de Arcade (Soutomaior), a Festa do Requeixo e o Mel (A Neves), a Festa do Choco (Redondela), a Festa do Salmón (A Estrada), a Festa da Troita (Ponte Caldelas), a Festa do Galo de Curral (Vila de Cruces), a Festa da Langosta (A Guarda), a Festa da Vieira e Festa do Albariño (Cambados), a Feira do Viño do Rosal, a Festa do Carneiro ao Espeto (Moraña), a Romaría da Tortilla de Laro e a Festa da Empanada da Bandeira (Silleda), a Festa do Mexillón e o Berberecho (Vilanova de Arousa), a Festa-Feira do Xamón (A Cañiza), a Festa da Lamprea e a Festa da Lamprea Seca (Arbo), a Festa da Ameixa do Carril (Vilagarcía de Arousa), a Festa da Anguía e Mostra da Caña do País (Valga), a Festa do Viño do Condado do Tea (Salvaterra de Miño), a Festa do Marisco (O Grove) e a Feira do Cocido (Lalín).



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page