A XGN Intermax celebrará este ano a súa World Champions Edition, en outubro en Silleda
Esta convocatoria, que terá lugar na Feira Internacional de Galicia ABANCA, fará unha chiscadela á vitoria da selección española de fútbol no Mundial incluíndo algunhas
actividades e competicións relacionadas
Laura Moure/Silleda

A XGN Intermax celebrará este ano unha cita que estará marcada pola competición e o recoñecemento, e que se denominará World Champion Edition. Unha convocatoria que fará unha chiscadela á vitoria da selección española de fútbol no Mundial incluíndo algunhas actividades e competicións relacionadas. Será a 26ª edición desta lanparty, a maior de Galicia, a cal volverá unir as novas tecnoloxías, a informática e o lecer dixital na Feira Internacional de Galicia ABANCA do 9 ao 11 de outubro.
O evento, para o cal xa están abertas as reservas en www.xgnintermax.gal , contará coas súas zonas tradicionais, a Intranet e a Extranet. Así, como é habitual, a Intranet, orientada a inscritos, permitirá desfrutar dun posto con conexión de altas prestacións e dará dereito tanto a acampar como a participar en actividades exclusivas, mentres que a Extranet ofrecerá un completo programa de propostas tanto para os participantes como para quen visite o recinto.
PUBLICIDADE
En canto á dispoñibilidade destas áreas, a Intranet estará operativa para rexistrados do 9 ao 11 de outubro á primeira hora da tarde, aínda que poderán acceder xa ao recinto o día 8 ás 16:00 horas na chamada preparty. Respecto á Extranet, poderase acceder o 9 e 10
de outubro de 10:00 horas a 20:00 horas, de forma gratuíta.
Formación, entretemento e intercambio de ideas uniranse nesta edición, que contará de novo co apoio da Xunta de Galicia, impulsora desta party, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e co patrocinio oficial de Intermax Technology. Grazas a
esta compañía tecnolóxica galega, a cal se incorporou ao proxecto en 2024, os participantes poderán navegar por terceira vez a unha velocidade de ata 40 Gbps, o
dobre do que se alcanzaba antes da implicación de Intermax Technology no evento.
PUBLICIDADE
Un completo programa con novidades
Esta cita tecnolóxica volverá contar cun programa moi variado tanto para inscritos como para visitantes, con competicións, obradoiros, actividades deportivas, xogos analóxicos ou conferencias centrados en novas tecnoloxías, intelixencia artificial ou gaming. Ademais, incluiranse novas propostas relacionadas con esta edición especial World Champions Edition.









Comentarios