top of page

A XGN Intermax AI Edition arrinca hoxe en Silleda con 863 inscritos e un ambicioso programa

A intelixencia artificial será a protagonista do 25º aniversario desta cita


Laura Moure/Silleda

A maior lanparty galega pon xa a punto a súa edición especial centrada en intelixencia artificial, a XGN Intermax AI Edition, a cal terá lugar dende hoxe ata o domingo a primeira hora da tarde no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA. Nesta destacada edición, que coincide co 25ª aniversario do evento, os dous pavillóns principais do recinto acollerán a 863 inscritos na súa Intranet, un 8% máis que o ano pasado, cando foran 800. Estes desfrutarán e compartirán os seus intereses sobre novas tecnoloxías e lecer electrónico con outros afeccionados e profesionais, ademais de formarse e tamén competir en diversas áreas.


As persoas rexistradas na party -cuxo número aínda pode aumentar, pois a inscrición

segue aberta na web do evento- dispoñerán dun posto para o seu equipo informático con

dereito a acampar no interior do pavillón e tamén dun amplo programa de propostas e

torneos exclusivos. E todos eles terán a posibilidade de navegar, grazas a Intermax

Technology, a unha velocidade de ata 40 Gbps.

Estes participantes na Intranet da XGN Intermax poden acreditarse e instalarse dende

primeira hora desta tarde, cando a party acende motores de forma non oficial para realizar probas e facilitar o acceso, aínda que o evento e o programa non comezarán ata mañá.

Formación e entretemento conxugaranse tanto nesta área Intranet como na zona aberta da party, denominada Extranet, que contará durante os dous primeiros días, mañá venres e o sábado, cun interesante programa ao que poderán acceder gratuitamente os rexistrados e tamén os visitantes que se acheguen ao recinto. Ademais, nesta edición especial na que a intelixencia artificial é a protagonista, a Extranet contará con presenza expositiva de varias empresas centradas en IA. Unha pequena mostra que supón o xerme dunha futura feira de intelixencia artificial que a organización xa está comezando a deseñar.


Máis actividades e con destacados expertos

A XGN Intermax AI Edition contará cun amplo programa actividades que volve medrar,

pasando de cincuenta propostas o ano pasado a setenta nesta edición, o que significa un

40% máis. Nelas, acorde a esta edición especial da party, a intelixencia artificial terá un

importante papel.


En canto ás actividades dirixidas exclusivamente aos inscritos, a Intranet incluirá

competicións de arte dixital e tamén de CTF, nas que os participantes tratarán de resolver

retos de ciberseguridade. Ademais, no apartado hardware contará con diversas propostas, entre elas introdución e creación de proxectos de modificación e personalización de equipos (modding), a carreira de leds Open Led Race e unha zona de impresoras 3D con

granxa destas máquinas ou o espazo Maisprinter, pensado para que apaixonados deste ámbito compartan coñecementos, experimenten e poñan a punto as impresoras. En canto á área de software libre, incluirá propostas como o AI Contest, unha proba centrada en programar un robot para que compita con outros nun sinxelo xogo.


Así mesmo, organizaranse torneos de máis de vinte videoxogos, algúns para pc e outros

para consola. Entre eles, haberá oito competicións con premios, que serán de League of Legends, CS2, Valorant, Rocket League, FC26, Mario Strikers: Battle League, Super Smash Bros Ultimate e Mario Kart Deluxe 8. As restantes competicións serán de

Overwatch 2, AoE II Definitive Edition, Duck Game, Overcooked 2, Peak, Pokemon TCG

Pocket, R.E.P.O, Starcraft 2: Legacy of the Void, Teamfigth Tactics, Tricky Towers, Ultimate

Chicken Horse, Ultra Start, Web Games, StreetFighter e Clash Royale.


A todo iso sumaranse, como en cada edición da party, xogos tan divertidos como o trivial

de cinema, debuxo analóxico, fast relato, xogos con avións de papel ou concurso de plastilina.


Ademais destas actividades exclusivas para rexistrados, a Extranet, de libre acceso tanto

para inscritos como para visitantes ocasionais do recinto durante os dous primeiros días,

incluirá un amplo programa de conferencias e obradoiros. Estes, de gran nivel e cun

importante peso da intelixencia artificial, serán impartidos por destacados expertos.

Realizaranse baixo os títulos “Intelixencia artificial aplicada á impresión 3D de

medicamentos personalizados”, “IA na música, evolución e creatividade”, “Intelixencia

artificial: o teu novo superpoder”, “Aumenta o teu potencial con n8n na era da IA”,

“Espremer a túa pc ao 100%, optimización de CPU e GPU para gaming, creación de

contidos e IA”, “Gamificación a través da IA para a formación”, “Revivindo a tecnoloxía, da

Game Boy Cor aos Macs modernos” ou “Do mundo real ao mundo dos videoxogos: como

Fortnite, o videoxogo máis xogado do mundo, abre novas portas para institucións e entidades”.



Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Por outra banda, haberá atractivos talleres, entre eles un centrado en electrónica que

propoñerá construír unha radio FM dende cero, outro sobre como hackear dispositivos

electrónicos, un terceiro de hacking ético e un cuarto centrado na programación de baixo

nivel con fundamentos da programación de sistemas operativos en arquitectura x86.

Engadiranse talleres de cosplay, actividade consistente en confeccionar disfraces e

accesorios de personaxes de videoxogos, cinema, manga ou cómic. Ademais, o evento

disporá de áreas de videoconsolas, de lentes de realidade virtual ou de simuladores de

videoxogos, ademais de futbolín, ping pong, xadrez ou pistas deportivas.


Unha programación que é un eixo fundamental deste evento e que conferirá un gran

atractivo a esta edición especial, a cal contará de novo co apoio da Xunta de Galicia,

impulsora da party, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e co patrocinio

oficial de Intermax Technology. Grazas a esta compañía tecnolóxica galega, a cal se

incorporou ao proxecto o ano pasado, os participantes poderán navegar por segunda vez a unha velocidade de ata 40 Gbps, o dobre do que se alcanzaba antes da implicación de

Intermax Technology no evento. Ademais, nesta edición o provedor galego de aloxamento, servidores e infraestrutura Raiola Netwoks súmase ao evento cun patrocinio.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page