A visita de arqueólogos ao Castro de Toiriz conclúe que non hai danos de consideración tras o incendio
- Laura Moure

- 19 jul 2025
- 1 Min. de lectura
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda informa que onte mesmo tivo lugar unha visita técnica ao Castro de Toiriz para avaliar os danos causados polo incendio rexistrado o pasado xoves 10 de xullo na zona superior da croa. Á visita asistiron dous arqueólogos: un designado polo propio Concello e outro pola Deputación de Pontevedra, en coordinación con persoal técnico da
Dirección Xeral de Patrimonio, da Xunta de Galicia.

A espera dos informes definitivos por parte das administracións competentes, a primeira valoración realizada sobre o terreo conclúe que non hai danos de consideración e que o xacemento arqueolóxico, que fora musealizado nos últimos anos pola Deputación, non se viu afectado, nen sequera o mobiliario da croa do castro, onde o Concello de Silleda desbrozara semanas antes de rexistrarse o lume.
Publicidade
O Concello tamén solicitou tamén asesoramento técnico para realizar unha limpeza mecánica nas zonas defensivas do castro, onde as características do terreo dificultan sobre maneira o traballo de roza manual.
Desde o goberno local faise un chamamento á cidadanía para evitar acceder á croa do castro nestes días, co obxectivo de non deteriorar a capa superficial do solo, xa vulnerable pola acción do lume.
Publicidade
“A intervención neste espazo require agora prudencia, coordinación e rigor técnico. Pedimos á veciñanza que non suba ao castro nestes días e agradecemos a colaboración das administracións implicadas para avanzar na recuperación deste enclave que forma parte da nosa identidade colectiva”, sinala a alcaldesa Paula Fernández Pena.








Comentarios