"Eu son de rural, nacín, crieime e vivín sempre no rural. Poder poñer en marcha un proxecto así, e na aldea, significa moito tanto a nivel profesional como persoal"
Laura Moure/Vila de Cruces
O Diario Oficial de Galicia (DOGA) publicou este luns a resolución da Consellería de Política Social da concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior cofinanciadas polo Plan de recuperación, transformación e resilencia. Nas comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa abrirán en Agolada, Dozón, Vila de Cruces e Antas de Ulla.
Os interesados poden obter máis información no seguinte enlace:
Hoxe entrevistamos á cruceña Cristina Arias Couso unha das beneficiarias que será a promotora dunha casa do maior en Duxame (Vila de Cruces). Ela estudou grao en Traballo Social na Universidade de Santiago de Compostela (USC).
1. Cando e por que decide poñer en marcha unha casa do maior?
A verdade é que sempre tiven claro que o meu eran as persoas maiores e no mes de abril saíu a orde de convocatoria para este proxecto e non o dubidei.
2. Por que o nome de A Oliveira?
A finca na que están as instalacións da futura casa do maior chámase Oliveira e para min ese nome fai referencia aos maiores da miña familia: avós, pais... que realmente foron quen a adquiriron entón pareceume unha boa homenaxe a eles.
3. Como se enfronta a este proxecto?
Coa maior das ilusións, a verdade, despois de traballar en diferentes áreas, era un soño poder dedicarme en exclusiva a persoas maiores e agora teño a oportunidade. Con todo, estas cousas sempre dan un pouco de medo (risas).
4. Supoño que se alegra de poder traballar dende o rural e máis na súa parroquia natal.
A verdade é unha marabilla. Eu son de rural, nacín, crieime e vivín sempre no rural. Poder
poñer en marcha un proxecto así, e na aldea, significa moito tanto a nivel profesional como
persoal.
5. Xa sabe cando será a apertura?
Pois aínda non sei a data exacta de apertura. Dende a publicación da resolución teño dous
meses para levar a cabo as obras e entregar a última documentación, transcorrido ese tempo porase en marcha.
6. Este servizo contará con cinco prazas. Cales son os requisitos para poder ser beneficiario dunha delas?
Si, conta con cinco prazas para poder ter unha atención individualizada e axeitada coas persoas usuarias. O servizo da casa do maior está destinado a persoas maiores de 60 anos con dependencia (graos I e II) ou sen ela, residentes no concello de Vila de Cruces.
7. Hai un prazo para anotarse?
Empezará unha vez feitas as obras.
8. E cal é o horario?
É un servizo de atención diúrna, gratuíto para as persoas usuarias, xa que está subvencionado pola Consellería de Política Social, Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade coa intención de manter a autonomía das persoas nun entorno rural, traballando a estimulación cognitiva e podendo facer uso do servizo de comedor e transporte se o precisan.
Comments