A Unión de Consumidores de Galicia recoñece a traxectoria da empresa lalinense Florentino
- Laura Moure
- hace 5 horas
- 2 Min. de lectura
Recibe esta distinción pola súa contribución exemplar ao desenvolvemento económico e social de Galicia ao longo de máis de seis décadas no sector da moda
Laura Moure/Lalín
A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) dá a coñecer as Mencións Especiais da segunda edición dos Premios Benfeito de Consumo: Editorial Galaxia, pola súa traxectoria de 75 anos ao servizo da cultura e da lingua galega, e a empresa lalinense Florentino, pola súa contribución exemplar ao desenvolvemento económico e social de Galicia ao longo de máis de seis décadas no sector da moda.

“O noso recoñecemento a Editorial Galaxia quere subliñar un compromiso inquebrantable co galego como lingua literaria e cultural, a calidade editorial e a valentía de abrir camiños para voces consagradas e emerxentes. Durante tres cuartos de século, Galaxia converteu a literatura en galego nun ben accesible, desexable e de prestixio”, sinalan desde a entidade que destaca, ademáis, “o labor de Galaxia por elevar consistentemente a literatura á categoría de artigo de consumo de primeira calidade”.
Sobre a firma lalinense Florentino, a UCGAL destaca que “é a proba de que se pode construír unha marca global desde o corazón de Galicia, combinando visión emprendedora, calidade de produto e compromiso co territorio. A Mención Especial homenaxea tamén o legado do seu fundador, Florentino Cacheda López, e un modelo de empresa que xera valor, emprego e reputación para Galicia”.
Na primeira edición (2023), as Mencións Especiais foron para o Mercado de Abastos de Santiago de Compostela e para Bodegas Algueira, en recoñecemento ao seu labor a favor do territorio e do tecido económico e social.
Publicidade
As Mencións Especiais conviven co proceso de votación pública nas tres categorías dos Premios Benfeito de Consumo —Produtos Alimenticios, Servizos e Produtos Non Alimenticios— no que a cidadanía elixe as marcas gañadoras. Nesta edición compiten: Gadis, Coren, Leite Río, Pescanova e Viña Costeira (Produtos Alimenticios); Xenera, Monbus, Caixa Rural, Be One e Alda Hotels (Servizos); e Pérez Rumbao, Bimba y Lola, Cocinas Santos, NUMAX e Sargadelos (Produtos Non Alimenticios).
A II edición consolida os Benfeito como unha cita bianual de referencia que visibiliza boas prácticas, achega evidencias útiles para a toma de decisións e reforza a confianza entre tecido empresarial e cidadanía. “Os Benfeito non son só un recoñecemento; son unha plataforma estable de diálogo e corresponsabilidade entre empresas, entidades e organizacións de persoas consumidoras”, engaden desde UCGAL.
Publicidade
A gala de entrega celebrarase o 6 de novembro de 2025, ás 19:30 h, na Sala Eisenman da Cidade da Cultura (Santiago de Compostela), onde se anunciarán as gañadoras das tres categorías xunto coas Mencións Especiais agora difundidas. A UCGAL invita á cidadanía a participar nas votacións a través dos seus canais oficiais.
Comentarios