A Udiaf Deza atende ao mes a unha media de 90 familias da comarca
- Laura Moure
- 16 feb
- 3 Min. de lectura
É unha das catro unidades coas que conta a Asociación Galega de Atención Temperá e que a Xunta financia integramente con 736.000€ anuais
Laura Moure/Lalín
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou esta semana a Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar do Deza (Udiaf Deza) para coñecer de primeira man as actuacións que se levan a cabo desde este servizo coas familias de nenos de 0 a 6 anos con problemas no desenvolvemento ou risco de padecelos. Na visita, estivo acompañada pola tenente alcalde do Concello de Lalín, Paz Pérez, a concelleira de Política Social, Carmen Canda, e polo presidente da Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT), Jaime Ponte.

A Udiaf Deza é unha das catro unidades coas que conta a Asociación Galega de Atención Temperá e que a Xunta financia integramente con 736.000€ anuais. As outras tres unidades son as do Salnés Norte, Salnés Sur e Bergantiños. A unidade do Deza, posta en marcha no ano 2009, presta asesoramento e información ás familias e apoio ao desenvolvemento dos nenos de 0 a 6 anos dos concellos de Lalín, Silleda, Vila de Cruces, Rodeiro, Agolada e Dozón.
Na visita, a directora xeral destacou que estas unidades forman parte da Rede Galega de Atención Temperá, que integra a 51 unidades que dan servizo a máis de 200 concellos e atenden a máis de 5.000 nenos e nenas de toda Galicia cun investimento anual por parte da Xunta de 8M€. Begoña Abeijón sinalou que a aposta do Goberno galego por este servizo permitiu pasar de dúas unidades de atención temperá abertas no ano 2009 ata as máis de 50 da actualidade, que se seguirán vendo incrementadas nos próximos meses.
Publicidade
Balance de 2024
Durante a visita presentáronse os resultados da actividade asistencial levada a cabo durante o 2024, no que o servizo atendeu a un total de 144 familias cunha media de 90 ao mes. Segundo os datos recollidos, realizáronse un total de 3867 prestacións individuais, das que 153 foron consultas de acollida, 252 sesións de valoración, 2943 sesións de apoio directo e 410 actuacións de coordinación con outros profesionais e recursos sanitarios sociais e educativos. A idade media no acceso foi de 2,5 anos.
A tipoloxía dos problemas ou dificultades atendidas abrangue todo o ámbito do desenvolvemento infantil. Dos atendidos no 2024, un 36% do total corresponden aos evolutivos e sindrómicos, e destes ata un 20% pertence a trastornos graves do desenvolvemento. Pola súa banda, os problemas da linguaxe ou fala sitúanse nun 33%, e nun 14% os do ámbito afectivo-emocional. Atendéronse igualmente problemas de hábitos, de conduta, atención, motrices, sensoriais e cognitivos.
O servizo, totalmente gratuíto, presta asistencia a todos os concellos da comarca do Deza, sendo a maior parte das familias atendidas, residentes no municipio de Lalín (57%), un 23% en Silleda, 10% en Vila de Cruces, 5% en Rodeiro, 4% en Agolada, e 1% en Dozón.
Desde que abriu as súas portas en 2009 a Udiaf Deza atendeu a preto de 800 familias.
Na actualidade, o equipo interdisciplinario está conformado por 4 profesionais especialistas en desenvolvemento infantil e atención temperá a tempo completo, que conta tamén co apoio dun auxiliar administrativo. Desde o mes de xuño do pasado ano, incorporouse de forma temporal un quinto profesional a tempo parcial.
Comentarios