top of page

A tecnoloxía dixital e a IA no sector do autobús, un salto cualitativo na prestación de servizos máis áxiles

A aplicación da intelixencia artificial no transporte público de viaxeiros e a mobilidade protagonizou onte o programa da ExpoBus Iberia 2025, que se celebra en Silleda


Laura Moure/Silleda

A aplicación da intelixencia artificial no transporte público de viaxeiros e a mobilidade protagonizou onte o programa de conferencias da IV Feira do Transporte de Viaxeiros por Estrada, ExpoBus Iberia 2025, a cal se celebra desde o xoves e ata hoxe na Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra).


A xornada técnica foi inaugurada polo subdirector xeral de Ordenación do Transporte da Xunta de Galicia, Pablo Alejandro Amenedo, quen destacou o Plan de Transporte Público de Galicia, posto en marcha en 2020 coa finalidade de mellorar servizos, establecer maiores frecuencias e ofrecer servizos adaptados ás necesidades dos usuarios, con paradas preto para facer máis atractivo o uso do transporte público. Así mesmo, fixo alusión ao éxito actual no emprego do transporte público e destacou as bonificacións da administración autonómica a través das tarxetas Xente Nova e +65, ademais de falar de desafíos. En canto a estes, indicou que se está traballando, entre outros aspectos, en novos métodos de pago, intermodalidade e información en tempo real, xunto cunha nova web e app.

ree

A continuación, Carlos Acha, director de Innovación e Tecnoloxía da Empresa Municipal de Transportes de Madrid (EMT Madrid), impartiu o relatorio “Redefinindo a mobilidade: o impacto transformador da IA no transporte de persoas”. Coa experiencia que lle outorga o seu labor no principal operador de autobuses urbanos de España, analizou o mercado do transporte de viaxeiros destacando o “bo momento” sectorial e falou da transformación dixital deste ámbito, facendo fincapé en que a integración de tecnoloxías dixitais na vida diaria das persoas, xunto cos avances innovadores no sector da mobilidade, son as dúas principais forzas que están a transformar a nosa contorna e os nosos hábitos. Así mesmo, subliñou que o seu impacto en ámbitos como a prestación de servizos ao viaxeiro, a enerxía de propulsión e as infraestruturas, brinda novas oportunidades para o desenvolvemento de servizos integrais de mobilidade e tamén que ofrece a oportunidade de dar un salto cualitativo na prestación duns servizos máis eficientes, áxiles, conectados

e sostibles.


Este experto falou ademais da mobilidade conectada e o uso da IA no transporte de persoas. Neste sentido, expuxo o seu uso na EMT Madrid, indicando que a intelixencia artificial está a ser a forza condutora detrás da transformación desta empresa municipal de transportes e mostrando casos de uso xa en marcha na EMT, como o Simulador para Transporte destinado a operacións de bus, que simula escenarios de roteiros e horarios para mellorar a planificación, detectar ineficiencias e minimizar o impacto co cliente


 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Mobilidade personalizada e sistemas de pago

Por outra banda, Salo Taboada, business development España de Nemi Mobility Solutions, falou na súa intervención sobre o seu compromiso persoal de impulsar desde a tecnoloxía unha mobilidade que sexa intelixente e humana, onde a IA non sexa un luxo, senón un habilitador para que calquera persoa, desde zonas de baixa densidade ata centros urbanos, teña acceso a un servizo de transporte público fiable, cómodo e sostible. Co convencemento de que a tecnoloxía debe poñerse ao servizo das persoas e non ao revés, durante a súa intervención falou dun cambio de paradigma no transporte de viaxeiros, xa que o deseño do transporte público tradicional en base a horarios e roteiros fixos deu paso a unha realidade na que os datos e a intelixencia artificial permite deseñar sistemas máis flexibles, preditivos e personalizados.


Falou da IA aplicada á optimización de roteiros e frotas, a cal permite determinar onde deben estar as paradas, reducir custos e emisións e adaptar o servizo en tempo real segundo demanda. Tamén expuxo a relación desta tecnoloxía co usuario, a cal dá lugar a experiencias máis humanas e accesibles sen necesidade de apps complexas. Mirando ao futuro, sinalou as súas vantaxes en canto a predición e automatización.


Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

A xornada pechouse cun dos maiores expertos en tecnoloxía de pago para o transporte, José Francisco Martín, CEO de Busmatick, quen falou das claves que definen o futuro do pago no transporte público. Así, explicou como os tradicionais sistemas baseados en tarxetas, sistemas CBT (Card Based Ticketing), deixan paso a modelos baseados en conta, ABT (Account Based Ticketing), onde os nosos datos están nunha nube á que ten acceso a autoridade de transporte. O usuario identifícase ao acceder ao transporte público cun medio fiable, cun ‘Token’ que pode ser a propia tarxeta de transporte, a tarxeta do banco, o DNI, o Smartphone ou calquera factor biométrico como a nosa pegada ou recoñecemento facial. O sistema só ten que recoñecer quen somos. E isto non é un proxecto futuro, é unha realidade que se implantou nalgunhas cidades como Ponferrada, Quito (Ecuador), Antofagasta (Chile) ou Oaxaca (México). Indicou que para que esta realidade fose posible usouse a intelixencia artificial tanto no desenvolvemento das aplicacións como na do motor tarifario que asigna o prezo máis xusto ao usuario en función do seu perfil e do uso que cada persoa fai do sistema de transporte público da súa cidade. Destacou que o cambio é radical e as empresas máis punteiras españolas están a traballar nisto.


A xornada foi clausurada polo director da Feira Internacional de Galicia ABANCA, Ricardo Durán, quen subliñou as magníficas posibilidades que ofrece a IA para converternos en “superempresarios” e “supertraballadores” .




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page