top of page

A subrogación do personal do SAF de Silleda farase efectiva no pleno ordinario do vindeiro xoves

Tamén se someterá a aprobación a modificación orzamentaria para acometer a mellora da antiga escola de Cortegada e a ordenanza reguladora das rodaxes cinematográficas


Laura Moure/Silleda

A subrogación do personal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Silleda será un dos temas centrais do vindeiro pleno ordinario, previsto para o vindeiro xoves día 31, ás 11:00 horas. Na sesión, o goberno municipal someterá a aprobación da Corporación o acordo para resolver definitivamente na mesma xornada o contrato de servizos que había ca empresa concesionaria polo seu incumprimento. Este acordo xa foi adoptado o pasado 17 de marzo en Xunta de Goberno Local, como trámite previo xunto cos pertinentes informes técnicos de Intervención e Secretaría para rematar o proceso de subrogación do

personal, que pasará a formar parte da plantilla municipal con data de 1 de abril.

O acordo que se adoptará supón a asunción de xeito directo deste servizo básico polo Concello de Silleda. Por outra banda, tamén se inclúe na orde do día unha modificación

orzamentaria por importe de 48.000 euros para iniciar o proxecto de restauración da antiga escola da parroquia de Cortegada, dotando de cuberta e outros elementos estruturais ao edificio para evitar máis o seu deterioro.


Así mesmo, tamén se someterá a aprobación inicial do pleno a Ordenanza Reguladora das Rodaxes Cinematográficas que leva varias semanas exposta no portal web municipal e no portal de transparencia da sede electrónica. Con esta nova normativa dende o Concello de Silleda preténdese regularizar e unificar os permisos e solicitudes para a realización de todo tipo de rodaxes no termo municipal, conscientes da importancia que supón na economía local e no ámbito da promoción turística, tendo en conta as rodaxes de series e outros produtos audiovisiuais nos últimos anos.

Este luns tiveron lugar xa as comisións informativas previas ao pleno, onde quedaron dictaminados estes asuntos. Na orde do día da sesión figuran tamén mocións presentadas polo PSdeG-PSOE o e o BNG.

0 comentarios

Comentários


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page