Na reunión de traballo mantida hoxe alabou esta localidade por facer uso de todos os instrumentos postos a disposición dos Concellos para combater esta lacra
Laura Moure/Melide

María Rivas, subdelegada do Goberno en A Coruña, visitou esta mañá o Concello de Melide para abordar as transferencias do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e estreitar a colaboración nesta materia. Na reunión estiveron presentes a subdelegada do Goberno, María Rivas, o alcalde de Melide, José Manuel Pérez, a concelleira de Política Social, Igualdade e Saúde, Carmen Liñeira, a edil de Educación, Chus Iglesias, así como responsables do Centro de Información da Muller (CIM), Policía Local, e a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, Maribel Álvarez.
A subdelegada agradeceu ao alcalde e a Carmen Liñeira o alto nivel de colaboración, destacando a Melide como referencia na loita contra a violencia machista por facer uso de todos os instrumentos postos a disposición dos Concellos por parte do Goberno.
Despois do encontro visitaron a unidade especializada en Violencia de Xénero (unidade Vioxén) no cuartel da Garda Civil de Melide e o centro social municipal, no que a subdelegada coñeceu de primeira man os traballos realizados nesta materia.
Comments