Esta fin de semana terá lugar unha recollida de alimentos e para a seguinte de xoguetes
Laura Moure/Silleda
O veciño de Laro José García é máis que coñecido polas continuas e variadas campañas solidarias que promove para axudar aos demais. E en Nadal non podía ser menos e ademais desta volta, conta coa colaboración de Rosa Rozas. Para esta fin de semana organiza unha gran recollida de alimentos na parroquia silledense de Cortegada. Tanto hoxe coma mañá os interesados poderán facer as súas doazóns de de 9:30 a 19:30 horas no Centro Cultural de Cortegada. " Para que estas navidades teñan tódolos veciños e tódalas veciñas de Silleda alimentos nas súas mesas para poder celebrar estas festas en familia", sinala García.
Mentres, promove unha recollida de xoguetes usados (en bo estado) na parroquia de Laro os días 18 e 19 de decembro de 9:30 a 19:30 horas no Centro Cultural de Laro. "O obxectivo é que estas Navidades non queden sen xoguetes ningún neno e nena do concello de Silleda e así tamén lle damos unha segunda vida a eses xoguetes que non utilizan os rapaces e rapazas e están estorbando ao non saber que facer con eles. Así pódenlle dar unha segunda vida", incide.
Todo o que se recolla será doado ao programa Silleda Solidario.
Comments