top of page
Foto del escritorLaura Moure

A sexta edición do Programa de Recompilación de Topónimos da Xunta e da RAE recalará en Cruces

Esta iniciativa recuperou xa preto de 70.000 nomes


Laura Moure/Vila de cruces

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, presentaron este luns a sexta edición do programa Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, que, no marco dos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad, impulsados pola Xunta de Galicia e coordinados pola RAG, chega este outono a unha ducia de concellos das catro provincias galegas, entre eles a Vila de Cruces.


Esta iniciativa ten un dobre obxectivo: achegarlle ao público a orixe e significado dos topónimos do seu municipio e procurar novas persoas colaboradoras na plataforma Galicia Nomeada, que lle permite á cidadanía contribuír á recollida de topónimos e microtopónimos que corren o risco de perderse.

Precisamente sobre a aplicación Galicia Nomeada, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades quixo poñer de relevo o apoio da Xunta de Galicia, “pois é un proxecto que está a traspasar as fronteiras galegas, xa que diversas comunidades autónomas contactaron con nós para poder replicala e implicar a súa poboación como o estamos a facer nós”. Ademais, Valentín García repasou as cifras desta plataforma na que, desde a súa creación a finais do 2019, unhas 3.200 persoas colaboradoras achegaron preto de 70.000 microtopónimos, “o que salienta a implicación dos galegos e galegas na recuperación da toponimia, un motivo de orgullo para nós e unha motivación para seguir traballando neste campo con proxectos como este”.


Pola súa banda, o presidente da RAG destacou que este programa “procura implicar todos os axentes sociais, desde a veciñanza aos centros de ensino, para entre todos recuperar o noso patrimonio e deixármolo de legado para os que veñen detrás”.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información!

No acto de presentación, que tivo lugar na Fundación Luis Seoane na Coruña, tamén participou o coordinador técnico de Galicia Nomeada, o filólogo da Real Academia Galega Vicente Feijóo, quen será o encargado das accións formativas. Coas novas charlas previstas para este outono, Toponimízate sumará xa 82 concellos visitados ao longo das súas seis edicións.


Calendario

Os 12 concellos aos que chegará Toponimízate 2023 comparten unha característica común: en ningún deles se completou o traballo do proxecto Toponimia de Galicia, polo que aínda non se recolleu unha parte importante da microtoponimia do seu territorio. Ademais, dous deses 10 concellos, Becerreá e Maceda, non incluíron aínda ningún microtopónimo na aplicación Galicia Nomeada, o que aumenta a urxencia de levar a cabo a recolleita.


Durante as charlas, Vicente Feijóo incidirá na riqueza toponímica que posúe todo o territorio galego e dará conta do significado dos nomes de parroquias e aldeas de cada concello, para o que conta coa colaboración do académico de número Gonzalo Navaza. No tocante ao funcionamento de Galicia Nomeada, o público aprenderá como empregala tanto para incorporar nomes de corredoiras, chousas ou penedos como para rexistrar lendas ou outras tradicións orais vinculadas a eses lugares.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

O concello de Friol, en Lugo, será o escenario escollido para abrir a campaña este mércores ás 12:30 horas no Centro Sociocultural. Despois, Toponimízate 2023 percorrerá entre outubro e decembro Becerreá, Vila de Cruces, Tui, Trasmiras, Padrón, Amoeiro, A Pobra do Brollón, Dumbría, Maceda, Ponte Caldelas e Narón.


A axenda completa cos horarios e lugares das xeiras pode consultarse na axenda de Cultura e no Portal da Lingua Galega.

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

תגובות


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page