A Semana Cultural de Cira celebra a súa 47 edición con maxia, música e propostas para todas as idades
- Laura Moure

- 5 nov
- 2 Min. de lectura
A cita, a máis veterana do municipio, celebrarase do xoves 13 ao sábado 15 de novembro, con actividades para público infantil, maiores e unha cea-baile de confraternidade
Laura Moure/Silleda
A parroquia silledense de Cira acollerá nos vindeiros días unha nova edición da súa tradicional Semana Cultural, que chega xa á 47 edición, converténdose así na semana cultural máis veterana do municipio. O programa, organizado pola Asociación Veciñal Santa Eulalia de Cira coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Silleda e da Deputación de Pontevedra, inclúe propostas de lecer, música e convivencia interxeracional, manténdose fiel ao espírito participativo e familiar que caracteriza esta cita.
A programación arrincará o xoves 13, ás 20:00 horas, coa actuación do Mago Deimi, que traerá á parroquia un espectáculo de maxia para todos os públicos.

O venres 14, ás 20:30 horas, será a quenda da música coa Banda Unión Musical da Ponteledesma, que ofrecerá un concerto co seu habitual repertorio de pezas populares e clásicas.
O sábado 15 haberá actividades tanto para maiores como para a cativada. A partir das 16:00 horas, celebrarase o Campionato de tute con inscrición gratuíta, e ás 16:30 horas desenvolveranse sesións de animación infantil e manualidades acompañadas dunha merenda para as crianzas.
Publicidade
A xornada e a Semana Cultural pecharanse pola noite cunha cea-baile de confraternidade, amenizada polo trío Fusión Latina, con menú da Pulpería Crisóstimo (pulpo, orella, churrasco, sobremesas, viño, refrescos e chupitos), a un prezo de 32 euros. As persoas interesadas poden anotarse na Taberna González ata o xoves 13.
A concelleira de Cultura, Mónica González, destacou “o mérito e a continuidade desta iniciativa que case 50 anos despois segue a manter vivo o espírito comunitario e cultural de Cira, converténdose nun exemplo de participación e dinamismo no rural de Silleda”.







Comentarios