A Ruta Cabalar de Silleda volta o vindeiro 6 de setembro con novo percorrido
- Laura Moure

- 18 jul
- 2 Min. de lectura
Laura Moure/Silleda
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, xunto á concelleira de Turismo e Deporte, Mónica González, e os representantes da Asociación de Cabaleiros de Silleda —a súa presidenta e tamén concelleira de Promoción Económica, Estefanía Taín, e o vicepresidente, David Ferradás— presentaron onte a V Ruta Cabalar, que terá lugar o vindeiro sábado 6 de setembro.

Este ano a cita ecuestre presenta novidades importantes, como o cambio de ubicación e un novo percorrido polos montes da zona. A saída terá lugar ás 16:00 horas desde o Recinto Feiral da Semana Verde, cun itinerario de arredor de 20 quilómetros que atravesará paraxes naturais das parroquias de Ponte, Saidres, Carboeiro e Negreiros.
Publicidade
Na metade do camiño haberá unha parada para repoñer forzas con pinchos, e ao regreso ao recinto feiral celebrarase unha cea aberta a todas as persoas que desexen asistir. O menú incluirá langostinos á prancha, xarrete, sobremesa e café. A xornada culminará coa actuación musical de Raquel Pallares e música ambiente a cargo dun DJ. Tamén haberá servizo de barra.
A alcaldesa Paula Fernández destacou que "eventos como esta ruta, ao igual que outras citas que se celebran ao longo do ano no municipio, axudan a poñer en valor o noso territorio, a dinamizar a vida social e económica e a promocionar os nosos recursos naturais e culturais".
Publicidade
As inscricións estarán abertas ata o 2 de setembro. O prezo da ruta máis cea é de 35 euros para adultos e 15 euros para nenos e nenas de 6 a 12 anos. As entradas poden adquirirse en Talleres Taín ou contactando cos teléfonos indicados no cartel oficial do evento.
A iniciativa conta coa colaboración do Concello de Silleda, a Fundación Semana Verde de Galicia e varias empresas patrocinadoras.








Comentarios