top of page

A Romaría do Corpiño afianza a súa programación musical e festiva, da man da Asociación O Refaixo

O Santuario do Corpiño, referente relixioso e cultural en Galicia, prepárase para recibir a milleiros de devotos o 23 e sobre todo o 24, día grande da Romaría

Laura Moure/Lalín

O vindeiros 23 e 24 de xuño terá lugar a Romaría da Virxe do Corpiño 2026, Festa de Interese Turístico de Galicia. O alcalde de Lalín, José Crespo; o reitor do Santuario do Corpiño, José Criado; os integrantes da Asociación de Veciños e Cultural O Refaixo; e os concelleiros de Turismo e Cultura, Begoña Blanco, e de zona, Marcos Mariño, presentaron a programación desta tradicional Romaría, unha das celebracións relixiosas máis concorridas e emblemáticas de Galicia.

Cómpre indicar que este ano desde o Concello de Lalín tramitouse para esta Festa de Interese Turístico de Galicia unha subvención ao abeiro da orde autonómica de axudas a concellos para o apoio, promoción e difusión de Festas de Interese Turístico de Galicia. En total, a Romaría da Virxe do Corpiño conta nesta edición 2026 cunha achega total de 5.500 euros (4.000 € da Xunta e 1.500 a través de ABANCA) para axudar a financiar actuacións musicais incluídas na programación da festa na honra da Virxe do Corpiño, así como accións de difusión dunha celebración que, no seu día grande, reúne milleiros de devotos na aldea lalinense do Corpiño. Unha achega que recibe por vez primeira e que lle permite reforzar a súa difusión, e que se suma as realizadas pola veciñanza da parroquia e por empresas colaboradoras.


Ademais, a Romaría afianza este ano a súa programación musical e festiva, da man da Asociación Cultural e Veciñal O Refaixo, que corre a cargo por segundo ano consecutivo desta dimensión máis lúdica da festa, despois de varios anos sen este tipo de festexos, que complementan á celebración relixiosa.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

A dita Asociación de Veciños e Cultural O Refaixo da parroquia de Losón, conformada por catro membros (presidenta, Alba Rivas Carral; secretaria, Laura Mariño García; vicepresidente, Rubén García Ramos e tesoureiro, Álex Rivas Carral), conforman a comisión de festas da parroquia e é a que decidiu retomar as rendas para organizar uns festexos que veñan complementar a celebración litúrxica e relixiosa arredor da Virxe do Corpiño.


O obxectivo é darlle tamén visibilidade á parroquia de Losón, debido á importancia que o Santuario lalinense do Corpiño ten a nivel cultural e relixioso en toda Galicia e á gran afluencia de visitantes e devotos que recibe de Galicia e tamén doutras comunidades. Deste xeito, O Refaixo ocúpase da parte máis festiva e musical da Romaría, a fin de que os asistentes, veciños e visitantes poidan desfrutar tamén dunha dimensións máis lúdica da Romaría do Corpiño.


Programación festiva e musical

O 23 de xuño, primeiro día da Romaría, a xornada comezará co pasarrúas a cargo do grupo de baile e música tradicional A Carballeira de Cercio, que actuará durante a misa solemne das 12:00 horas e tamén durante a procesión. Pola noite haberá verbena coa orquestra Charleston Big Band e co Grupo Eureka. Durante a verbena realizaranse diferentes sorteos de xeito presencial e tamén ás 00.00 horas terá lugar unha sesión de fogos artificiais.


O 24, día grande da Romería, actuará a Asociación Cultural Xirandola e a Banda de Música de Vilatuxe, que compartirán misa solemne das 12:00 horas, pasarrúas e procesión. Tras a procesión a Banda de Música de Vilatuxe ofrecerá un concerto que poñerá o broche final á celebración lúdica desta Romaría.


Ambos os días (23 e 24 de xuño) haberá servizo de pulpeiro para que todas as persoas poidan quedarse por aquí a gozar da xornada.


Celebración relixiosa

No ámbito relixioso, o Santuario do Corpiño a cargo de José Criado, cómpre dicir que o 23 de xuño haberá misas continuadas desde as 9:00 horas da mañá ata as 12:00 horas que será a misa solemne e o 24 de xuño a cada hora desde as 8:00 horas da mañá ata as 12:00 horas na que tamén terá lugar a misa solemne. Pola tarde, ambos días as 17:00, 18:00 e 19:00 horas. Do 15 ao 23 de xuño terá lugar a novena á Virxe do Corpiño ás 12:00 e ás 18:00 horas, e o 28 de xuño, día da Consagración á Virxe do Corpiño haberá misas de 9:00 a 12:00 e ás 17:00, 18:00 e 19:00 horas, coa actuación do grupo de música tradicional “Os Xuncos”.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe e contacta con nós!
Preme na imaxe e contacta con nós!

Operativo de seguridade

A seguridade estará garantida mediante un operativo especial integrado por Protección Civil, Garda Civil, Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e membros da Confraría da Virxe do Corpiño, con servizo de ambulancia e dispositivos específicos para facilitar o estacionamento e a mobilidade dos asistentes.


A Romaría do Corpiño, declarada de Festa de Interese Turístico de Galicia en 2020 (nun proceso complexo iniciado anos atrás que contou, para facer posible esta declaración turistíca, co apoio do reitor do Santuario; de Daniel González Alén; da Asociación de Veciños e Cultural O Refaixo e do Concello de Lalín) é unha manifestación viva da tradición e da cultura galega, un encontro de fonda raíz espiritual e social que continúa a ser un dos eventos máis multitudinarios da Comarca de Deza e de toda Galicia, e que este ano suma á celebración relixiosa unha dimensión máis lúdico-festiva.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page