A rodeirense Amelia Lorenzo Meijomil cumpre 103 anos sen tomar ningún medicamento
- Laura Moure
- 19 sept 2022
- 2 Min. de lectura
Era filla e muller de taberneiros e naceu e vive na parroquia de Arnego
Laura Moure/Rodeiro
A vida son momentos, erros, acertos, choros, alegrías, superación,... Sen dúbida, é un cúmulo de experiencias e valores que te van forzando a ser a persoa que es. E disto sabe de sobra a rodeirense Amelia Lorenzo Meijomil, que o pasado sábado, día 17, cumpríu nada máis e nada que menos que 103 anos!!!!!

Amelia naceu no ano 1919 no lugar de Mourigás na parroquia rodeirense de Arnego e casou para a mesma parroquia, pero para Cuñarro do Medio. Traballou no campo, pero tamén pasou a súa vida vencellada ás tabernas porque tal e como nos conta o seu fillo Manolo criouse cos seus pais taberneiros e despois casou cun taberneiro. Agora está viúva e vive en Cuñarro co seu fillo Manolo, xa que tiña outro fillo, pero xa faleceu, e non ten netos.
Esta cambota leva moi ben a súas 103 primaveras. Só hai que vela! "Anda pola casa adiante e nin sequera precisa bastón. De cabeza está moi ben e a comida fágoa eu, pero ela aténdea se non estou eu nun momento", conta o seu fillo. Ademais, relata que adoita "pasear pola casa, pasa a escoba e sae para fóra cando está bo tempo"
O seu segredo
Cal é o segredo para chegar a tanta idade? Preguntámonos. Pois ela di que o segredo é a saúde da que goza xa que de feito, como sinala Manolo, "só foi ao médico dúas veces desde que acordo e non toma ningún medicamento, só algunha pastilla efervescente".
Quen a coñece defínea coma unha persoa marabillosa.
O equipo de ECOS DA COMARCA desexámoslle moitos parabéns!!!
Comments