A reforma integral da pista silledense de Portapiñeiro, en licitación por 114.000 euros
- Laura Moure
- 11 sept 2022
- 3 Min. de lectura
O tramo, de máis de un quilómetro, vertebra boa parte da parroquia de Piñeiro
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda continúa ca tramitación de proxectos para a mellora viaria do municipio. Así, este ano tamén se realizará con cargo ao Plan de Mellora de Camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas (coñecido como Plan Marco), a reforma
integral dun dos viais vertebradores da parroquia de Piñeiro. Trátase da pista de Portapiñeiro, que enlaza con Castro Castriño, e que discorre polo interior da localidade. Tamén se arranxará un dos ramais ata a igrexa parroquial de San Xiao.
"É un viario que acusa un notable deterioro e que se atopa nunha zona onde se concentran varias explotacións agrogandeiras. Mellorarase toda a capa de rodadura desta pista, entre outras actuacións", sinala o Concello. O proxecto estima un orzamento para o arranxo deste vial, que suma algo máis dun quilómetro de lonxitude contando os dous tramos de 114.867,70 euros. Nos dous últimos anos a través deste programa da Axencia Galega
de Desenvolvemento Rural (Agader) executouse a mellora dos viais de Balántiga e Cumbraos (en Escuadro) e o que une O Castro con Negreiros.

A obra está xa en fase de licitación na Plataforma de Contratación do Estado (Place) cun orzamento de 114.867,7 euros (IVE engadido).
Esta actuación sumarase a outras previstas os vindeiros meses nos que o Concello de Silleda continuará mellorando a extensa rede viaria municipal no rural, con máis de 1, 2 millóns de euros a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Sete ofertas presentadas
Respecto a esta última actuación, que suporá a maior inversión en pistas do rural na historia do municipio de Silleda, o prazo de presentación de ofertas rematou a finais de agosto cun total de sete propostas presentadas, que serán analizadas nos vindeiros días pola Mesa de Contratación para a posterior adxudicación.
O orzamento previsto é de 1.248.132,72 euros, que se financiarán a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra que lle corresponden ao municipio de Silleda e que xa están contempladas no orzamento municipal deste ano. En total actuarase noutros e suporán 17 tramos en distintos puntos do termo municipal, que suman –aproximadamente 20 quilométros de lonxitude. O prazo de execución dos traballos é de catro meses.
Así, reformarase o vial da parroquia de Pazos dende a ponte do TAV ata o lugar de Quintás. Tamén en Martixe se mellorará todo o viario do núcleo de Martixe de Abaixo e en Manduas o lugar de Andamollo. En Carboeiro realizarase o tramo dende Carboeiro de Francia ata o acceso ao mosteiro e na Bandeira renovarase o firme do vial da Devesa, dende o Centro de Saúde ata o enlace ca pista de San Brais, en Chapa. Na parroquia de Parada as obras de mellora viaria afectarán a dous tramos que discorren entre os lugares de Mediodaldea e Outeiro. Tamén en Ponte se renovarán outros dous tramos: o que vai dende Vilar ata Rosende e que une esta localidade ca parroquia de O Castro, discorrindo paralelamente á AP-53.
En Moalde arraxaránse as pistas que dan acceso aos lugares de Meda e San Xosé, e en Escuadro realizaránse obras nunha das pistas de maior lonxitude: o acceso a Paredes dende a estrada nacional 640. E na parroquia de Fiestras o proxecto inclúe o arranxo integral do vial do lugar de Barcia.
Trasfontao, Santa Mariña e Laro
Tamén en Silleda se levará a cabo a mellora do viario que da acceso a Trasfontao, dende a N-525 ata o lugar de Costoia, xa na parroquia de Siador, ata o entronque co vial autonómico PO-201. Outra das actuacións que completa este ambicioso proxecto levarase a cabo na parroquia de Graba, mellorando o acceso ao lugar de Santa Mariña, dende a estrada provincial a Forcarei ata esta aldea, pasando polos núcleos de Outeiro, Penalta e Fontao.
Completa a dotación a parroquia de Laro co arranxo de dous tramos: o que vai dende Pelures a Forcas e dende este último lugar ata Sante. “É un investimento histórico na extensa rede viaria do noso rural”, sinala o alcalde, Manuel Cuiña, que lembra que “nunca se fixo un esforzo coma este na mellora integral das pistas do termo municipal, que entre este proxecto e o que vén de rematar hai dous meses, suporá a reforma de máis de 35 quilómetros na extensa rede viaria de Silleda”, engade.
Esta dotación vén sumarse a outra ducia de tramos que foron arranxados nas últimas semanas, , tamén con cargo ao Plan Concellos da Deputación, cun investimento de case 600.000 euros, co arranxo en viais da Bandeira, Silleda, Dornelas, Taboada, Lamela, Ponte, Ansemil, Carboeiro, Cira e Taboada.
Comentarios