top of page

A rapazada do Concilia participa na colocación de siluetas decorativas no CEIP Plurilingüe de Silleda

Este Concello organiza o mércores día 5 unha actividade divulgativa para preparar a

observación segura da eclipse solar


Laura Moure/Silleda

Os nenos e nenas participantes no campamento municipal de verán do programa Concilia Silleda protagonizaron onte unha animada actividade educativa e participativa no peche perimetral do CEIP Plurilingüe de Silleda, onde colaboraron na colocación de siluetas decorativas de cores relacionadas co deporte, o xogo e as actividades infantís.


A rapazada foi distribuída en varios equipos, cada un deles identificado cunha cor correspondente ás siluetas que debía colocar. Deste xeito, os menores participaron activamente no proceso de transformación e embelecemento deste espazo.

Na actividade participaron tamén a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena; a concelleira de Educación e Benestar Social, Ángela Troitiño, e a concelleira de Cultura, Mónica González, que acompañaron os nenos e nenas durante o desenvolvemento da iniciativa.


A actuación inclúe a instalación dun total de 36 siluetas decorativas de PVC, cun tamaño aproximado dun metro por un metro, que representan á rapazada realizando diferentes actividades deportivas e lúdicas. As figuras, distribuídas ao longo do peche, contribúen a crear unha contorna máis alegre, acolledora e adaptada á infancia.


A alcaldesa, Paula Fernández Pena, destacou que “esta actividade permite que os nenos e nenas se sintan parte activa da mellora dun espazo que utilizan a diario, ao tempo que traballamos valores como a colaboración, o coidado do público e o sentimento de pertenza”.


Pola súa banda, a concelleira de Educación, Ángela Troitiño, sinalou que “a proposta combina aprendizaxe, creatividade e traballo en equipo, convertendo unha actuación de mellora do centro nunha experiencia divertida e participativa para a rapazada”.


A colocación das siluetas forma parte das actuacións de acondicionamento que o Concello de Silleda vén acometendo durante os últimos días no CEIP Plurilingüe de Silleda. Os traballos inclúen o pintado do peche perimetral, así como de distintas aulas e outras dependencias do centro e do pavillón deste recinto.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Desde o Concello continúase así coa posta a punto das instalacións educativas durante o período estival, aproveitando as vacacións escolares para executar diferentes traballos de mantemento, mellora e renovación dos espazos. A iniciativa desenvolvida hoxe permitiu tamén traballar de maneira lúdica valores como a participación, a responsabilidade compartida, o respecto polos espazos comúns e o traballo colectivo, deixando ademais unha pegada visible da rapazada no recinto escolar.


Por outra banda, o Concello de Silleda organiza para o vindeiro mércores, día 5 de agosto, unha actividade de astronomía recreativa e divulgación científica como antesala da eclipse solar que terá lugar o mércores 12 de agosto. A iniciativa desenvolverase entre as 18:30 e as 20:30 horas e estará dirixida pola Fundación Ceo, Ciencia e Cultura.


A proposta pretende preparar á veciñanza para vivir e comprender este fenómeno astronómico, ofrecendo información práctica sobre as súas características e, sobre todo, sobre a maneira correcta de observalo sen riscos para a vista. Deste xeito, as persoas participantes poderán chegar á cita do día 12 cos coñecementos e as recomendacións necesarias para gozar da eclipse de maneira responsable e segura.


A actividade contará coa presenza dunha astrofísica e de dous monitores Starlight e divulgadores astronómicos, que achegarán ao público os principais coñecementos necesarios para comprender este fenómeno e contemplalo de maneira segura.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.

A primeira parte celebrarase na Casa do Concello e consistirá nunha presentación audiovisual e divulgativa sobre as características, as causas e os diferentes tipos de eclipses solares e lunares. Tamén se explicarán as distintas fases dunha eclipse, a relevancia do fenómeno deste ano para Galicia e algúns dos efectos que poden chegar a observarse durante estes acontecementos astronómicos.


Un dos apartados centrais estará dedicado ás medidas de protección ocular. O equipo especializado explicará os métodos adecuados para observar o Sol, como o emprego de gafas homologadas, telescopios solares, prismáticos equipados con filtros certificados ou sistemas indirectos de proxección. Así mesmo, advertirase dos elementos que nunca deben utilizarse, como radiografías, cristais afumados, gafas de sol convencionais ou outros filtros non autorizados.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Ao remate da explicación abrirase unha quenda de preguntas e, posteriormente, as persoas participantes desprazaranse ata os Castros de Toiriz para realizar unha observación solar. Tamén haberá gafas específicas de observación solar, dotadas de filtros certificados para este fin. Esta observación práctica permitirá familiarizarse previamente cos equipos e cos procedementos que deberán empregarse durante a eclipse do día 12, evitando prácticas inseguras e resolvendo as dúbidas máis habituais antes da celebración do fenómeno.


A proposta desenvolverase cunha metodoloxía lúdica, participativa e accesible para todos os públicos, mantendo en todo momento o rigor científico. As actividades promovidas pola Fundación Ceo, Ciencia e Cultura contan, ademais, co asesoramento da Área de Astronomía e Astrofísica da Universidade de Vigo. O aforo será limitado, polo que será necesario inscribirse previamente nos formularios que estarán dispoñibles nos próximos días na páxina web e nas redes sociais do Concello de Silleda.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page