A proxección de Sirāt chega este venres, 16 de outubro, a Arzúa
É totalmente de balde, pero é preciso inscribirse previamente
Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa continúa desenvolvendo os diferentes actos da programación cultural Outono a escena que está a dinamizar as fins de semana dos meses de outubro e novembro con actuacións de artes escénicas, cine e música para todos os públicos. A gran novidade da presente edición é a inclusión do Concello de Arzúa no Ciclo de Cine Galego Mestre Mateo que posibilitará o visionado das curtas, documentais e filmes finalistas na última edición dos premios.

Despois de levar a cabo varios pases para público escolar en horario lectivo, este venres, 16 de outubro, chega a primeira proxección aberta ao público. A película que se poderá ver será Sirāt.
PUBLICIDADE
Dirixida por Oliver Laxe conta a historia de como un home e o seu fillo chegan a unha rave perdida en Marrocos. Buscan a Mar, a súa filla e irmá, desaparecida hai meses nunha desas festas sen amencer. Reparten a súa foto unha e outra vez, arrodeados de música electrónica e dun tipo de liberdade que descoñecen. Coñecen un grupo de raveiros e deciden seguilos a unha última festa que se celebrará no deserto, onde agardan atopar a moza desaparecida. Este filme dura 114 minutos e está recomendado para maiores de 12 anos.
A proxección terá lugar este venres na Casa de Correos ás 20:00 horas e para participar totalmente de balde hai que inscribirse previamente chamando ao 981 500 222 ou escribindo un correo a cultura@concellodearzua.com podendo reservar un máximo de catro prazas.
PUBLICIDADE
Nos vindeiros meses de novembro e decembro están preparadas máis proxeccións de filmes e documentais abertas ao público.









Comentarios