top of page

A programación Primavera de cultura de Arzúa arrinca cunha saída ao Salón Teatro de Santiago

Esta edición bota a andar no mes de abril e estenderase ata finais de maio con propostas para todos os públicos


Laura Moure/Arzúa

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa bota a andar no mes de abril unha nova edición da programación Primavera de cultura que se estenderá ata finais de maio con propostas para todos os públicos.

A primeira iniciativa terá lugar o mércores 8 de abril cunha saída ao Salón Teatro de Santiago de Compostela dentro do programa Sobes ao autobús do teatro? promovido polo Centro Dramático Galego. Consiste na asistencia a unha función de Hamlet de William Shakespeare, nunha adaptación en galego baixo a dirección de Tito Asorey. Inclúe o transporte en autobús con saída do Campo da feira de Arzúa ás 16:15 h. e regreso tras a función. Toda persoa interesada en participar deberá aboar a entrada a un prezo reducido de 5 euros. As inscricións abriranse o luns 30 de marzo no Departamento de Cultura, chamando ao 981 500 222 ou escribindo a cultura@concellodearzua.com. As prazas son limitadas a 15 e a adxudicación das mesmas farase por rigorosa orde de inscrición. Cada persoa poderá anotar como máximo a un acompañante.


A seguinte proposta chegará o sábado 18 de abril pola mañá cun Obradoiro de iniciación ao Haiku. O haiku é unha composición poética xaponesa que conecta co presente e axuda a serenar a alma. Trátase dun poema curto, formado por 3 versos de 5, 7 e 5 sílabas respectivamente. O obxectivo deste taller é aprender as ferramentas básicas para esbozar un haiku. Centrarémonos na observación e percepción para intentar captar un momento da natureza a través de catro achegamentos: o silencio, a mirada, a palabra e a sinxeleza. Esta actividade estará impartida por Francisca García Jáñez, Doutura en Filoloxía Hispánica pola Universidade Complutense de Madrid (especialidade Arte e Literatura), escritora, docente e investigadora. Especializada en talleres de poesía xaponesa e minificción. O obradoiro contará cunha parte práctica e outra teórica. A parte teórica desenvolverase na Casa de Correos e a práctica no seu xardín. Toda persoa interesada en participar deberá anotarse no Departamento de Cultura a partir do martes día 7. A inscrición é gratuíta.

 PUBLICIDADE


Estes actos abrirán unha programación que conta con dez propostas variadas e para todos os públicos que se levarán a cabo tanto na vila como nas parroquias. O programa de actos contará tamén co concerto de Unto Vello que presentará na Casa da Cultura o seu último traballo titulado Inmaterial. Será o 25 de abril ás 20:30 horas con entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade. A conmemoración do Día do Libro, do Día da Danza ou a continuidade do programa As parroquias contan cunha sesión en Rendal o 22 de maio completarán, xunto con outras actividades, esta programación.

 Publicidade

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

O concelleiro de Cultura, José Luís García, destaca “a importancia desta programación xa que os seus eixes principais son o fomento da lectura e do uso e coñecemento da nosa lingua e da nosa cultura”.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page