A profesora Gloria Neira, elixida (In)Visible do mes de abril en Silleda
- Laura Moure

- 24 abr
- 3 min de lectura
A docente, primeira profesora de inglés do municipio, é recoñecida coincidindo coa celebración do Día da Lingua Inglesa
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de nomear como (In)Visible deste mes de abril a Gloria Neira Rodríguez, docente e veciña moi vinculada á vida educativa e social do municipio, coincidindo ademais coa celebración do Día da Lingua Inglesa, que se conmemora cada 23 de abril. Nada en 1955 en Remesar, Gloria Neira medrou nunha pequena aldea rural,
nun contexto no que apostar pola educación das fillas non era aínda o máis habitual. Por iso, unha das claves da súa historia vital está precisamente na decisión da súa familia de facilitarlle estudos e abrirlle camiño nun tempo no que ás mulleres non sempre lles resultaba doado acceder ás mesmas oportunidades.
A súa infancia transcorreu no rural, nun entorno de sinxeleza e de valores que, como ela mesma lembra, a acompañaron sempre. Xa en xaneiro de 1974 iniciou a súa etapa universitaria en Filoloxía Románica, formando parte da primeira promoción desta especialidade, nun paso decisivo no que sería despois a súa traxectoria profesional.

En 1979 comezou a traballar de xeito provisional no colexio María Inmaculada, centro no que acabaría botando raíces en todos os sentidos. Alí desenvolveu a súa vocación docente, coñeceu ao que hoxe é o seu marido e construíu tamén a súa familia, con tres fillos, nunha vida xa plenamente vencellada a Silleda.
Gloria Neira dedicou 43 anos á docencia nese mesmo centro, converténdose ademais na primeira profesora de inglés do municipio, deixando unha fonda pegada en xeracións de alumnado. A súa foi unha traxectoria marcada pola constancia, a dedicación e unha maneira de ensinar que ía máis alá da aprendizaxe académica, procurando transmitir tamén valores e leccións para a vida. “Aínda que ás veces me sentín como unha figura discreta ou mesmo invisible, o meu compromiso coa educación e con este pobo foi constante”, sinala.
PUBLICIDADE
A través desta nova entrega de (In)Visible, o Concello de Silleda quere poñer o foco nunha muller que, dende a discreción e o compromiso cotián, contribuíu de maneira decisiva ao ámbito educativo local. O seu percorrido é tamén o reflexo dunha xeración de mulleres que abriron camiño a base de esforzo, preparación e entrega.
Co recoñecemento a Gloria Neira, o departamento municipal e Igualdade de Silleda, que dirixe Ángela Troitiño, volve reivindicar o valor desas historias de vida que, aínda sen grandes focos, resultan imprescindibles para entender a evolución social, educativa e humana do municipio.
PUBLICIDADE
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, salienta que Gloria Neira “representa a tantas mulleres que, dende o traballo diario, a vocación e a entrega, foron construíndo comunidade sen buscar protagonismo”. Fernández engade que “falar de Gloria é falar de educación, de compromiso e tamén de pioneiras que abriron camiño nun momento no que non sempre era doado facelo”. Na mesma liña, a rexedora subliña que esta nova entrega de (In)Visible permite “poñer rostro e voz a unha traxectoria exemplar, moi vencellada á formación de xeracións de silledenses e ao desenvolvemento da vida educativa no noso
concello”.
Con este recoñecemento, o Concello quere destacar non só a súa longa carreira docente, senón tamén o fondo vínculo humano creado con Silleda ao longo de toda unha vida. “Hoxe, ao mirar atrás, sinto que os meus vínculos con esta comunidade son infinitos”, destaca Gloria Neira, que resume ese percorrido cun sentimento fondamente agradecido: “Este lugar deume unha familia, unha profesión e unha vida chea de sentido”.








Comentarios