top of page

A primeira nevarada do ano fixo acto de presenza, aínda que de maneira lixeira, nas comarcas

Ao longo deste martes chegou a callar nos cumios como por exemplo, no monte Faro, situado entre Rodeiro e Chantada, e no Farelo, entre Agolada e Antas de Ulla


Laura Moure/IsmaelRS/Xeral

Neve, este martes, no monte Faro, situado entre Rodeiro e Chantada. Autor: Ecos da Comarca.

Nos 17 concellos das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa estiveron onte, martes, en alerta amarela por nevaradas. Sen embargo, a neve fíxose desexar, aparecendo por momentos en distintos rincóns, pero a choiva foi gañando a batalla. Foi a media tarde/noite onde máis nevou, aínda que non chegou a callar. Onde si se formou un manto branco foi nos cumios como por exemplo, no monte Faro, situado entre Rodeiro e Chantada, e no Farelo, entre Agolada e Antas de Ulla. ECOS DA COMARCA recorreu onte os distintos municipios en busca da protagonista:

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta ampliou onte, martes, a alerta laranxa por nevaradas nas zonas de montaña das provincias da Coruña e Lugo tamén ao sur de Ourense. A alerta está activa desde a mañá de onte e afecta sobre todo ás áreas de montaña de Lugo e Ourense con acumulacións de neve en 24 horas de 20 centímetros por riba dos 800 metros e coa probabilidade de que se acumulen espesores de 5 centímetros en calquera cota. No caso do sur de Ourense poden acumularse máis de 5 centímetros de neve en calquera altitude.

Ademais, do nivel de aviso é amarelo por nevaradas e debido a acumulación de neve de 4 centímetros entre os 300 e os 500 metros de altitude no interior das provincias da Coruña, Lugo e Ourense; na Mariña lucense e no centro desta provincia; así como no noroeste e na zona de Valdeorras da provincia ourensá.


Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Ante as nevaradas, recomendase evitar as viaxes en automóbil sempre que non sexan necesarias e levar sempre o depósito cheo. Tamén se recomenda usar a roupa e calzado axeitado, evitar que persoas maiores saian á rúa e ter a man lanternas e cadeas.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.


Transporte escolar

Pola súa banda, a Comisión Escolar de Alertas volveu reunirse onte para avaliar a evolución da situación. Acordou a suspensión do transporte escolar durante toda a xornada de hoxe, mércores 18, dos centros educativos situados nos concellos das zonas de predición das montañas de Lugo e Ourense e sur de Ourense, mentres que no resto si funcionará. En todo caso, recoméndase o seguimento das condicións meteorolóxicas nas zonas do interior da Coruña, interior de Pontevedra, centro de Lugo, sur de Lugo, noroeste de Ourense e Valdeorras.

Para o caso de que as circunstancias da localidade onde se atopa o centro supuxesen un risco superior ao declarado, os directores poderán adoptar as decisións oportunas respecto das actividades no exterior do centro educativo ou sobre as actividades extraescolares. Adicionalmente extremaranse as condicións de circulación do transporte con seguimento das condicións climáticas.

Na Comisión Escolar de Alertas participan membros da Dirección xeral de Emerxencias e Interior, da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), da Subdirección de Meteoroloxía e Cambio Climático (MeteoGalicia) e das consellerías de Educación e Mobilidade.


NOTICIA RELACIONADA:

https://www.ecosdacomarca.com/post/os-17-concellos-das-comarcas-de-arz%C3%BAa-deza-terra-de-melide-e-a-ulloa-en-alerta-amarela-por-neve

0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page