top of page

Os 17 concellos das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa, en alerta amarela por neve

Será durante a xornada deste martes e é debido a acumulacións de neve que poden superar os 4 centímetros entre os 300 e os 500 metros de altitude


Laura Moure/Xeral

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta vén de activar para mañá, martes 17, alerta laranxa por nevaradas nas zonas de montaña das provincias da Coruña e Lugo e tamén estará activa unha alerta amarela por neve nas comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa por nevaradas comezará mañá, martes 17, a primeira hora da mañá nas áreas de MONTAÑA DE LUGO (Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso Do Courel, Fonsagrada (A), Incio (O), Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Nogais (As), Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Samos e Triacastela) e da MONTAÑA DE OURENSE (Bolo (O), Carballeda de Valdeorras, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Esgos, Gudiña (A), Maceda, Manzaneda, Mezquita (A), Montederramo, Parada de Sil, Pobra de Trives (A), Riós, San Xoán de Río, Teixeira (A), Veiga (A), Viana do Bolo, Vilariño de Conso e Xunqueira de Espadanedo) por acumulacións de neve en 24 horas de 20 centímetros por riba dos 800 metros de altitude e de ata 5 centímetros en altitudes entre os 300 e os 500 metros.


Ademais, no INTERIOR DA CORUÑA (Ames, Aranga, Arzúa, Baña (A), Boimorto, Boqueixón, Brión, Capela (A), Coirós, Curtis, Frades, Irixoa, Melide, Mesía, Monfero, Negreira, Ordes, Oroso, Pino (O), Pontes de García Rodríguez (As), Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, Somozas (As), Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val Do Dubra, Vedra e Vilasantar); na MARIÑA LUCENSE (Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Pontenova (A), Ribadeo, Trabada, Valadouro (O), Vicedo (O) e Viveiro Xove); no CENTRO DE LUGO (Abadín, Antas de Ulla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Corgo (O), Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Láncara, Lugo, Meira, Monterroso, Muras, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradela, Páramo (O), Pastoriza (A), Pol, Portomarín, Rábade, Riotorto, Sarria, Vilalba e Xermade) e no SUR DE LUGO (Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, Pobra do Brollón (A), Quiroga, Ribas de Sil, Saviñao (O), Sober e Taboada); nas zonas do noroeste, sur e Valdeorras e no INTERIOR PROVINCIA DE PONTEVEDRA (Agolada, Campo Lameiro, Cañiza (A), Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, Estrada (A), Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, Lama (A), Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces) estará activo o nivel de aviso amarelo debido a acumulacións de neve que poden superar os 4 centímetros entre os 300 e os 500 metros de altitude.

Ante as nevaradas, recomendase evitar as viaxes en automóbil sempre que non sexan necesarias e levar sempre o depósito cheo. Tamén se recomenda usar a roupa e calzado axeitado, evitar que persoas maiores saian á rúa e ter a man lanternas e cadeas. Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Transporte escolar

Pola súa banda, a Comisión Escolar de Alertas acordou a suspensión do transporte escolar durante toda a xornada de mañá martes 17 dos centros educativos situados nos concellos das zonas de predición das montañas de Lugo e Ourense. Ademais, ese mesmo día, queda suspendido o servizo en horario de tarde nos centros das zonas do interior da Coruña, interior de Pontevedra, centro de Lugo, sur de Lugo, noroeste de Ourense, sur de Ourense e Valdeorras. Nestas últimas localidades, farase seguimento das condicións climáticas ao longo da mañá, por se houbera que tomar decisións adicionais.

En canto ás actividades, quedan suspendidas as que se realicen no exterior nos centros educativos situados nas zonas da Mariña Lucense e o noroeste de A Coruña ata as 12 horas do martes 17.


Para o caso de que as circunstancias da localidade onde se atopa o centro supuxesen un risco superior ao declarado, os directores poderán adoptar as decisións oportunas respecto das actividades no exterior do centro educativo ou sobre as actividades extraescolares. Adicionalmente extremaranse as condicións de circulación do transporte con seguimento das condicións climáticas. A listaxe de concellos incluídos en cada zona climática pode consultarse na páxina web de Meteogalicia.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page