top of page

A Praza da Igrexa de Silleda e o seu entorno avanzan cara aunha mobilidade amable e segura

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

O novo proxecto presentado conta co apoio da veciñanza


Laura Moure/Silleda

O goberno municipal de Silleda continúa a avanzar no seu proxecto global de transformación urbana baixo o concepto do “cinturón verde”, co obxectivo de impulsar un modelo de mobilidade amable, sostible e segura. Este sábado, a alcaldesa Paula Fernández Pena, acompañada do equipo de goberno e do autor do proxecto -en fase de redacción-, reuniuse con veciños e veciñas da Avenida do Parque e doutros puntos da vila para presentar os detalles do proxecto de remodelación da Praza da Igrexa e o seu entorno, así como do tramo correspondente á Avenida do Parque e a Rúa Santa Olaia.


Durante o encontro, explicáronse os materiais previstos para a obra, os novos espazos deseñados e as melloras planeadas. Detalláronse propostas como a creación dunha ampla zona verde con bancos integrados ao principio da avenida, a plantación de novas árbores de gran porte, a reubicación da parada de taxis para optimizar o espazo público, e a ampliación da área da praza mediante a demolición do peche do recinto eclesiástico, o que permitirá crear unha zona con chanzos tipo auditorio.

Ademais, informouse á veciñanza de que o proxecto forma parte dun plan global de urbanismo sostible coñecido como “cinturón verde”, que está conectando as principais rúas do casco urbano de Silleda cunha estética unificada e accesible. Este proxecto será presentado oficialmente o día 30 de novembro, consolidándose como unha das iniciativas máis ambiciosas do Concello.


No encontro, o goberno local tamén entregou á veciñanza o código QR para acceder a enquisa dixital, permitindo que poidan participar mesmo aquelas persoas que non puideron asistir á reunión. Ademais, o avance do proxecto será publicado na web municipal, onde estará dispoñible a imaxe do plan e a enquisa en liña, para facilitar a consulta e a participación cidadá.


A resposta dos asistentes foi moi positiva, destacando a calidade e a visión de futuro do proxecto. A maioría das persoas asistentes valoraron o esforzo do goberno local por involucrar á cidadanía e agradeceron que o Concello optase a unha subvención de 700.000 euros do Plan Extraordinario de Investimentos da Deputación de Pontevedra, á que se sumarán 150.000 euros de recursos propios para facer realidade esta transformación.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Este proxecto, financiado na súa redacción a través do programa Ágora da Deputación, inclúe dúas zonas de actuación diferenciadas. Por un lado, o entorno da praza da igrexa e o primeiro tramo da rúa Santa Olaia, que se concible como un espazo público aberto pensado para o tránsito peonil, que incluirá melloras de accesibilidade, zonas verdes renovadas e un novo deseño urbano centrado na seguridade e o benestar.


A veciñanza poderá continuar participando a través da enquisa dispoñible para incorporar, se cabe novas propostas. Esta ferramenta busca coñecer a percepción cidadá sobre o proxecto e o impacto esperado, permitindo ao Concello recoller información para mellorar as súas planificacións urbanísticas.


Con estas accións, Silleda reforza o seu compromiso cun urbanismo sostible e colaborativo, contando coa implicación da cidadanía para construír un municipio máis accesible, verde e moderno.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page