A Plataforma Veciñal Contra a Mina de Touro-O Pino acudirá á Valedora do Pobo
- ecosdacomarca

- hace 1 día
- 2 min de lectura
Denuncia "a indefensión das persoas afectadas ás que se lle denega a condición de interesadas e os riscos de abastecemento de auga que suporá retomar a actividade mineira"
Ecos da Comarca/Touro
A Plataforma Veciñal Contra a mina de Touro-O Pino quere denunciar, máis unha vez, "que a Xunta de Galicia está a hipotecar o futuro da veciñanza mentres lle pon unha alfombra
vermella aos intereses da multinacional mineira Cobre San Rafael. O último exemplo
atopámolo na denegación da condición de interesadas ás persoas propietarias de terreos onde se vai instalar a mina que presentaron alegacións ao proxecto".

No seu momento, a Plataforma xa advertiu que a lista de bens e persoas afectadas polo macro proxecto mineiro "está chea de erros e omisións e carece do máis mínimo rigor. Pero a estas alturas hai persoas ás que, sendo propietarias de fincas que teñen recoñecida a afectación, a Xunta de Galicia lles denega a condición de interesadas no procedemento, deixándoas na total indefensión. Estamos ante un novo abuso de poder do Goberno galego do PP cuxo único obxectivo é pórlle trabas e desanimar a veciñanza na súa lexítima loita contra a reapertura dunha mina que tería un forte impacto socioeconómico, carrexaría enormes prexuízos ambientais e sociais nos concellos de
Touro e O Pino e afectaría directamente ao río Ulla".
PUBLICIDADE
Diante desta actuación, a Plataforma anuncia que se dirixirá á Valedora do Pobo para pedirlle o seu amparo e que actúe para que se garantan os dereitos de participación e os dereitos colectivos da veciñanza.
"Neste senso, cómpre destacar que, nestes intres a veciñanza de Touro xa están sufrindo as consecuencias directas da escaseza de auga potable. O bando oficial publicado polo Concello o 24 de xuño confirma que a capacidade da planta potabilizadora municipal xa está ao límite polas altas temperaturas e o incremento de consumo. Para asegurar que centos de persoas poidan, simplemente, abrir a billa ao comezo do período estival, o Concello de Touro debe mercarlle con urxencia ao Concello de Boqueixón o equivalente 850 bañeiras de auga ao día (173m3 diarios). Esta escaseza xa é unha realidade coa actividade mineira aínda sen empezar", recalca o colectivo.
PUBLICIDADE
E apunta que "se os acuíferos e a conca do río Ulla xa se atopan ao límite e non dan abastecido con garantías á poboación, como se pretende autorizar unha macro-mina de cobre que consumirá e contaminará millóns de litros dese mesmo caudal? Permitir que o proxecto mineiro poña en perigo o noso recurso máis elemental e básico, mentres as parroquias rurais sofren restricións de consumo supón unha irresponsabilidade histórica e un ataque frontal ao noso medio de vida. A Xunta de Galiza atópase nun punto de total inconsistencia ambiental e social e a única saída posible pasa por atender ao clamor social, emitir unha Declaración de Impacto Ambiental desfavorable e proceder ao arquivo definitivo do proxecto de Cobre San Rafael", conclúe.








Comentarios