A PDRA insiste nas “eivas” do proxecto de Altri e lembra á Xunta que “non ten apoio social”
- ecosdacomarca
- 28 mar
- 4 Min. de lectura
O sector do mar alerta de que os contaminantes vertidos ao Ulla “chegarán en 24 horas á Ría de Arousa” e afectarán a nosa riqueza marisqueira e do mexillón
Ecos da Comarca/Xeral
Logo do “éxito rotundo” da mobilización convocada pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) o pasado sábado na Pobra do Caramiñal, o sector marisqueiro, pesqueiro e bateeiro da Ría de Arousa rexeita “os desprezos” da Xunta e dos cargos do PP aos máis de 50.000 manifestantes e lembra que as 5 eivas deste proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei son “moi claras”.
Dun lado o modelo forestal que propugna, que “precisa de máis eucalipto tanto galego como foráneo. Que nos invade a superficie agraria e compromete a soberanía alimentaria, ademais de afectar á recarga dos acuíferos e aos macroincendios nun escenario de incremento das temperaturas”.
Tamén o “impacto hídrico” sobre o río Ulla e a ría de Arousa. “Haberá menos auga e máis contaminada” -65 toneladas de contaminantes ao día- que chegarán en 24 horas á Ría de Arousa. Ademais “este impacto vai ser extremo entre o 1 de xuño e o 31 de outubro porque o rio ten xa na actualidade un caudal inferior a 6 m3 /s . E no futuro haberá menos auga e a concesión é até o ano 2100”.

Sinala a PDRA que a contaminación atmosférica “vai ser moi superior á de Ence e vai afectar áo sector agrogandeiro e de transformación e ao turismo sostible do Camiño de Santiago”. Outra importante “eiva” ten a ver coa saúde de toda a poboación da bacía hidrográfica do río e da ría, “afectada por dous vectores de saúde pública fundamentais: a calidade do aire e da auga”.
E ademais o proxecto de Altri “afecta ao centro de gravidade do modelo socioeconómico actual que estrutura o territorio” -sobre todo no rural- da sustentabilidade e garante a soberanía alimentaria. “Estamos falando do sector do mar, do sector agrogandeiro, do sector transformador e do turismo sostible”.
Con estas “eivas” o presidente da PDRA, Xaquín Rubido, insiste -tal e como fixeron 50.000 galegos e 600 barcos o sábado na Pobra- en que “este modelo industrial claramente depredador e de enclave no está consensuado co conxunto da sociedade e non ten o seu apoio, carece de lexitimidade social”. "Fronte á resposta social contra a macrocelulosa, a dirección do PP sigue exercendo como portavoz e comercial da empresa promotora e temos serias dúbidas de que persoas honradas que forman parte da base do PP estean dacordo con esta deriva que compromete o futuro de miles de familias traballadoras do sector do mar, do agrogandeiro e do turismo”.
Desde o pasado 14 de marzo, cando a Xunta de Galicia aproba a declaración ambiental do proxecto de Altri, sinala “vivimos unha cascada de mobilizacións que se sucederon acompañadas por críticas de amplos sectores da sociedade” aos que hai que sumar o “claro posicionamento” de David Chipperfield -presidente da Fundación Ría- ou de Mercedes Rois, exdirectora de innovación da Axencia Galega da Industria Forestal (Xunta de Galicia).
Diante destas críticas, salienta, "os únicos argumentos utilizados polo presidente da Xunta son os hipotéticos 42 informes asinados por funcionarios, pero onde están eses documentos, porque non os fan públicos se tan claros son os seus argumentos?”, cuestiona Xaquín Rubido. Sinalan desde a plataforma que polo de agora “o único informe plural e independente elaborado por expertos” foi o publicado o pasado 5 de setembro polo Consello da Cultura Galega -órgano consultor estatutariamente da Xunta- “que foi claro e rotundo ao amosar as principais eivas do proxecto”.
A pesares diso o presidente da Xunta “posicionouse rapidamente en contra, esqueceuse de lelo -como recoñeceu posteriormente- e sobre todo esqueceuse de encargar outro informe das mesmas características para dar argumentos propios á sociedade”. Pola contra e “por desgraza” o presidente da Xunta “só sabe repetir os argumentos da empresa promotora”, conclúe o sector do mar.
Publicidade
Agracedementos e recoñementos pola manifestación na Pobra
Desde a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) valoran moi positivamente a resposta do conxunto da sociedade galega que se expresou masivamente por terra e por mar na Pobra do Caramiñal o pasado sábado 22 de marzo -Día Mundial da Auga-, contra a Mina de Touro-O Pino e a macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, como proxectos “espoliadores e contaminantes que ameazan o noso futuro”.
A PDRA quere ademais “salientar e agradecer o compromiso e apoio expresado” polos concellos de Pontecesuras, Catoira, Vilagarcía de Arousa, Cambados, a Illa de Arousa, o Grove, Ribeira, a Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo, xunto cos de Melide, Arzúa, Toques, Agolada e Santiso. "Agradecer tamén o esforzo feito polo concello da Pobra do Caramiñal, a Policía local, Protección Civil e Garda Civil no seu traballo de xestionar a avalancha humana, garantirnos o exercicio do dereito a manifestarnos e resolver os atascos producidos". Especialmente, a PDRA recoñece o esforzo do goberno municipal da Pobra para garantir unha megafonía que unira aos barcos coa xente -a terra co mar-, ademais de alugar ambulancia e servizos, que xunto co palco colocado pola Mancomunidade do Barbanza foron fundamentais no decorrer da convocatoria.
"Ademais de agradecer o compromiso do mundo da Cultura que se expresou nos premios Mestre Mateo, no concerto do Coliseo e que tamén fixo posible poder contar no acto do peche da manifestación con Zeltia, Isa Risco, Quico Cadaval, Carlos Blanco, Mini, e e aos medios de comunicación que canalizaron a expresión pública da protesta ao conxunto da sociedade".
Comments