A parroquia de Escuadro estrea con éxito o primeiro Centro Dinamizador de Silleda
Trátase dun modelo que o Concello quere estender a outras zonas do rural
Laura Moure/Silleda
A parroquia silledense de Escuadro converteuse onte no punto de partida dun novo modelo de dinamización das parroquias de Silleda. A apertura do primeiro Centro da rede Silleda Dinamiza reuniu a numerosos veciños e veciñas nunha xornada de convivencia que serviu para estrear unha iniciativa coa que o Concello pretende dar unha nova vida aos espazos sociais do rural e que nace coa vocación de poder trasladarse progresivamente a outras zonas do municipio.

A boa resposta da veciñanza marcou esta primeira xornada, que se prolongou durante toda a tarde e que contou tamén coa actuación do grupo local de música tradicional O Son da Fervenza. O encontro permitiu dar a coñecer o funcionamento dun centro que, a partir de agora, permanecerá aberto diariamente como punto estable de encontro e convivencia para a parroquia.
Esta primeira experiencia de Silleda Dinamiza desenvólvese en colaboración coa Asociación de Mulleres de Escuadro, aproveitando o centro social da parroquia e a actividade comunitaria que o colectivo xa viña desenvolvendo neste espazo.
O obxectivo é ir un paso máis alá do uso puntual dos centros sociais para festas, reunións ou actividades concretas. O novo modelo busca que estes equipamentos estean máis presentes no día a día das parroquias, facilitando espazos nos que a veciñanza poida reunirse, compartir tempo, participar en propostas ou simplemente dispoñer dun lugar de encontro sen necesidade de desprazarse.
PUBLICIDADE
A programación do Centro Dinamizador irá incorporando ao longo do ano diferentes propostas, desde obradoiros, charlas e actividades culturais ata encontros interxeracionais ou iniciativas relacionadas coa saúde, o benestar, a participación comunitaria e a natureza.
Centro de Interpretación da Natureza
A posta en marcha do proxecto en Escuadro permite ademais recuperar outro equipamento de especial interese para a parroquia: o Centro de Interpretación da Natureza situado na antiga escola.
Este espazo, de titularidade municipal e situado a escasos metros do centro social, volve abrir as súas portas e queda novamente a disposición da veciñanza e das actividades vinculadas ao proxecto, permitindo poñer en valor tanto o propio edificio da antiga escola como os seus contidos relacionados coa contorna natural da localidade, onde se atopa a ruta da Fervenza da Férveda, ou a Penadauga, entre outros.
A recuperación deste centro constitúe unha das pezas destacadas da iniciativa en Escuadro, ao permitir que dous equipamentos situados no mesmo ámbito volvan funcionar de maneira complementaria e con actividade. Búscase así optimizar os recursos xa existentes no rural e recuperar espazos que poden desempeñar un papel importante na vida comunitaria.
PUBLICIDADE
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, destacou que “o éxito desta primeira xornada confirma que hai demanda e ganas de contar con espazos deste tipo nas parroquias”. “Silleda Dinamiza nace precisamente para iso: para aproveitar mellor os recursos que xa temos, abrir portas e xerar vida arredor dos nosos centros sociais”, sinala.
Fernández Pena incide ademais no carácter piloto da experiencia de Escuadro. “Este é o primeiro Centro Dinamizador, pero a nosa intención é ir estudando fórmulas que nos permitan estender este modelo a outros puntos do rural silledense, sempre adaptándonos ás características e ás necesidades de cada parroquia e traballando da man do tecido asociativo e da veciñanza”, engade.
Desde o Concello sublíñase que o programa Silleda Dinamiza non pretende aplicar unha fórmula única a todo o territorio, senón avanzar na recuperación e activación dos espazos comunitarios atendendo ás particularidades de cada zona. “Temos centros sociais, antigas escolas e outros equipamentos que forman parte da historia das nosas parroquias. O reto é conseguir que sigan sendo útiles, que teñan actividade e que volvan ser lugares nos que pasan cousas. Escuadro é o primeiro paso dese camiño”, conclúe a alcaldesa.









Comentarios