top of page

A obra orixinal do cartel da L Festa da Empanada de Bandeira sae a subasta

20 ago
5 min de lectura

A estrea do mural «Lección de Empanada», Yoseba MP abre hoxe, xoves, as celebracións

festivas desta localidade


Laura Moure/Silleda

A Bandeira estreará hoxe, xoves 20 de agosto, ás 13:00 horas, o mural “Lección de Empanada”, obra do artista Yoseba MP creada con motivo do 50 aniversario da Festa da Empanada da Bandeira. O acto de inauguración servirá como unha das primeiras citas da programación desta edición tan especial da festa, declarada de Interese Turístico Nacional, e estará aberto á veciñanza, asociacións e colectivos da vila, ademais das persoas protagonistas da propia obra. Na presentación intervirán o deputado de Turismo da Deputación, Jesús Vázquez Almuíña, a alcaldesa, Paula Fernández e o presidente da Asociación Amigos da Empanada, Manuel Cuiña.


Unha homenaxe coral á tradición

“Lección de Empanada” parte dunha reinterpretación da coñecida obra de Rembrandt “A lección de anatomía do doutor Nicolaes Tulp”, trasladando a composición do cadro do século XVII a unha escena tan propia da Bandeira como a elaboración dunha empanada.

A actuación foi realizada co financiamento da Deputación de Pontevedra e permitirá incorporar unha nova obra de arte urbana ao espazo público da Bandeira, nesta ocasión estreitamente vencellada cun dos grandes símbolos gastronómicos, culturais e festivos do municipio.


Por outra banda, a Asociación Amigos da Empanada anuncia a subasta da obra orixinal que protagoniza a imaxe do cartel oficial da L Festa da Empanada de Bandeira, unha celebración declarada de Interese Turístico Nacional.

O cadro, pintado a man pola súa autora, Tania Cuiña, foi doado á Asociación pola propia artista. A entidade estima o seu valor en 500 euros, prezo co que sairá á subasta o vindeiro sábado, 22 de agosto, durante os actos oficiais da L Festa da Empanada.


A proposta artística de Tania Cuiña, veciña de Bandeira, converte a empanada en protagonista dunha das obras máis recoñecibles da historia da arte: “A creación de Adán”, de Miguel Anxo, recreando o universo da Capela Sixtina cunha mirada singular e cargada de simbolismo.


Licenciada en Belas Artes e con estudos de Fotografía Artística, Tania Cuiña achega nesta obra a súa visión artística á festa máis emblemática de Bandeira, creando unha peza que une arte, tradición, identidade e gastronomía.


E hai unha condición especial: se a obra non logra ser adxudicada polo prezo establecido, a Asociación Amigos da Empanada cederá o cadro á vila de Bandeira, coa intención de que quede como patrimonio da comunidade e sexa exposto nun dos centros públicos da localidade.



A vila da Bandeira inicia hoxe xoves con esta estrea, a Ruta da Empanadilla na que participan 6 establecementos, amenizada pola charanga local Os Gominolas e o festival Bandeirock.


Bandeirock abrirá o menú musical

A partir das 20.30 horas e con entrada de balde, o festival reunirá sobre o escenario a A Banda no Rock, Rebeliom do Inframundo, Arrhythmia, Loita Amada, Javi Maneiro, Marela e Storrentos, nunha noite pensada para transitar desde o rock e o metal ata o rap, o punk e os sons máis festivos.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Será unha das grandes antesalas do 50 aniversario da Festa da Empanada e tamén unha mostra da diversidade dunha escena musical galega capaz de reunir nun mesmo cartel artistas de longa traxectoria, bandas en plena efervescencia e proxectos nacidos no propio municipio.


Abrirá a noite o espectáculo A Banda no Rock, da compañía local A Cova das Letras, -unha proposta para o público familiar, incluida no circuito Cultura no Camiño, que leva o rock ao universo das bandas de música mediante un espectáculo protagonizado por Cristina Collazo e Josito Porto, que compartirán escenario coa Banda Recreativa e Cultural da Bandeira.O espectáculo combina interpretación, teatralidade e repertorio rock, achegando este estilo musical ás novas xeracións a través dunha banda de música


Rebeliom do Inframundo: rap, lingua e identidade

Un dos grandes nomes da noite será Rebeliom do Inframundo, formación nacida en Ponteareas e asentada en Vigo que leva máis dunha década situando o rap en galego nun espazo propio, cunha proposta marcada polo compromiso social, a identidade e as raíces.


A banda chega ademais á Bandeira nun momento especialmente destacado da súa traxectoria, despois da publicación en 2026 de Orgulho, un traballo no que afondan nun discurso ligado á clase traballadora, á terra e á lingua e no que o hip hop dialoga con electrónica e elementos sonoros de raíz galega.


A súa será previsiblemente unha das actuacións máis contundentes da noite: versos directos, bases potentes e unha maneira de entender o escenario como lugar para a festa, pero tamén para a mensaxe.


Loita Amada, canción protesta pasada polo rock

Outro dos pratos fortes será Loita Amada, proxecto impulsado por Jásper, histórico músico da escena galega e antigo líder de NAO, xunto á pandereteira Nébeda Piñeiro. A formación nace da confluencia entre a canción protesta e o rock máis contundente, cun discurso no que pesan especialmente o compromiso social, a cultura galega, a liberdade e a resistencia. Jásper chega a este proxecto despois dunha longa traxectoria vinculada tamén a formacións como Xenreira ou A Matraka Perversa.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Loita Amada achegará así ao Bandeirock unha combinación especialmente directa de melodía, electricidade e letras reivindicativas.


Javi Maneiro, unha das voces do rock galego

E falar de rock galego das últimas décadas é falar tamén de Javi Maneiro. A súa voz quedou ligada desde comezos dos anos noventa a Heredeiros da Crus, unha das formacións fundamentais para entender o rock feito en Galicia, e posteriormente a proxectos como Jabón Blue e á súa carreira en solitario.


Maneiro chega á Bandeira nunha nova etapa persoal e artística, tras pechar a finais de 2025 a súa longa vinculación con Heredeiros da Crus.


A súa presenza no cartel aporta un dos grandes reclamos do festival e conecta directamente con varias xeracións que medraron ao ritmo do rock galego dos anos noventa e das décadas posteriores.


O toque máis próximo poñerao Marela, formación silledense de punk-rock ca que o Bandeirock volve poñer en valor a creación musical local nun escenario compartido con algunhas das formacións máis recoñecidas de Galicia.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Arrhythmia: metal galego mirando á vangarda

Arrhythmia, banda lucense que construíu unha identidade propia mesturando metal, electrónica, rap e rock, sempre co galego como lingua de expresión tamén estará nesta edición . A formación suma máis dunha década de percorrido e foi recoñecida nos Premios Martín Códax da Música tanto en 2018 como en 2023 dentro do ámbito do heavy e do metal.


Este mesmo ano abriu unha nova etapa coa publicación do EP CERØ, cinco temas cos que o grupo afonda nun son máis maduro e definido, mantendo esa mestura de intensidade, experimentación e contundencia que caracteriza os seus directos.


A noite contará tamén con Storrentos, banda que fai da mestura e da diversión a súa carta de presentación e que amenizará os entretempos do concerto. O seu repertorio viaxa polas versións de rock, folk, pop e punk, incorporando tamén outros rexistros festivos e convertendo os concertos en propostas especialmente participativas.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page