A música tradicional e a actuación de Carlos Blanco centran o Mes das Letras de Silleda
- Laura Moure

- 17 abr 2025
- 3 Min. de lectura
Complétase coa semana cultural de Vista Alegre, unha xincana sobre o Camiño de Nós, un contacontos e unha nova edición de Xonga
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de programar para o vindeiro mes de maio máis dunha ducia de actividades culturais, entre as que destacan as que xiran en torno á figura das cantareiras, a quen se adica este ano o Día das Letras Galegas. As xa tradicionais citas promovidas por distintos colectivos co apoio do Concello, súmanse outras novas para poñer en valor o legado da música e a poesía popular. A programación do mes das letras no municipio de Silleda, que foi presentada onte pola alcaldesa, Paula Fernández, a concelleira de Cultura, Mónica González, e membros de distintos colectivos participantes, contará con música, obradoiros, arte, contacontos e humor.
O calendario arranca o sábado 3 de maio cunha nova edición da Mostra de Baile Tradicional Infantil de Xirandola (18:30 no auditorio Manuel Dopazo), cunha agrupación de Menorca como convidada.
O sábado 10 de maio chegará á praza Siñor Afranio o espectáculo familiar “Pelica de Burra” un obradoiro de narración e música a través do programa FalaRedes (12:00 horas).

O luns 12 de maio arranca unha nova edición de Dezarte, a mostra de artes plásticas no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira, que inicia así ata o 16 a súa Semana Cultural.
Camiño de Nós e A penúltima con Carlos Blanco
O mércores 14 levarase a cabo unha xincana, con alumnado do IES Pintor Colmeiro, arredor do Camiño de Nós, para rememorar a ruta a Compostela que realizaron en 1926 intelectuais galegos da xeración Nós pasando polo municipio silledense.
O sábado 17, día das Letras, terá lugar unha edición especial do certame Xonga, promovida por Xirandola e o Concello de Silleda, que achegará ata a carballeira das Pedrosas durante toda a xornada o espírito da tradición da música popular galega, ca participación de grupos da contorna.
Publicidade
As “Mulleres nas Letras”, centrarán o contacontos musical da man de Antón Ke na biblioteca municipal Daniel Castelao o mércores 21 (18:00 horas) e o venres 23, ás 21:00 horas chega outro dos pratos fortes co monólogo “A penúltima”, co coñecido actor e humorista Carlos Blanco no auditorio da Semana Verde. As entradas poden adquirise en ataquilla, no Bar Pukará, cafetería Cuppedia, e no Concello de Silleda ao prezo de 15 euros (18 en taquilla).
A música das corais do municipio tamén estará presente con dúas citas habituais do mes de maio. Así, o sábado 24 terá lugar o certame Tardes de Primavera, da Coral Polifónica Trasdeza (salón parroquial 20:30 horas) ca participación da coral anfitriona, o Coro Vales Mahía e a Coral San Telmo de Tui; e o sábado 31, no mosteiro de Carboeiro será a cita do Coro Vales Mahía, co festival Voces de Carboeiro, tamén ca participación da Coral Polifónica Trasdeza, e a Coral de Salcedo.
Tamén na xornada do sábado 24, terá lugar unha aula aberta de pandeireta na praza Siñor Afranio (11:30) e pola tarde, a música tradicional volverá ás fontes e lavadoiros de Parada cunha nova edición da Ruada, a partir das 17:00 horas.
Publicidade
O sábado 31, a programación péchase con protagonismo das cantareiras. Así, a partir das 11:30 horas celebrarase no salón de actos do Concello o obradoiro “Sementando a recollida”, sobre patrimonio oral, ao que seguirá a entrega de premios do segundo certame “Presume de língua”, sobre as cantareiras. Un vermú musical con cantareiras poñerá o broche final á xornada.
Dende o Concello de Silleda a alcaldesa e a concelleira de Cultura destacaron o traballo e esforzo dos colectivos e agrupacións participantes na programación, con colaboración municipal en todos os eventos, e de maneira especial “a adicación de todas aquelas persoas do noso municipio que durante anos mantiveron e manteñen viva a tradición da música e o patrimonio oral en Galicia”.








Comentarios