A mina de Touro no punto de mira: entre o avance xudicial e o clamor dos vertidos
- ecosdacomarca

- hace 12 horas
- 3 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Touro/O Pino
A Asociación ambiental e Cultural Plataforma Mina Touro - O Pino NON sinala que a mina de Touro O Pino volve estar no punto de mira. "A situación ambiental na contorna da mina de Touro volve ocupar o centro do debate público tras a recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e a persistencia das denuncias por vertidos industriais nos afluentes do río Ulla" apunta e recalca que a xestión das augas e o impacto dos metais pesados na canle fluvial manteñen en alerta á veciñanza.
Infraccións baixo lupa xudicial
"O caso de Touro exemplifica a complexidade legal da vixilancia de vertidos. Mentres o TSXG anulou recentemente o informe ambiental que paralizaba o proxecto de explotación anterior —criticando o procedemento administrativo da Xunta— para o que cabe recurso ao Tribunal Supremo que a Xunta de Galicia debería levar a cabo para defender a actuación dos seus técnicos, a vía penal segue o seu curso", recalca a plataforma.

A Fiscalía, apunta, "mantén a petición de penas de dous anos de prisión para os responsables da antiga xestión por presuntos delitos contra os recursos naturais e o medio ambiente, derivados de vertidos continuos que afectaron gravemente a varios ríos".
Impacto ambiental e económico na cunca fluvial Ulla-Deza e Ría de Arousa
Explica que os expedientes sancionadores abertos e resoltos sinalan "que os vertidos de lixiviados —ricos en cobre e metais pesados— non son incidentes illados e dende a Plataforma mina Touro O Pino Non e a Asociación Tralapena, personadas en varios destes expedientes, alertamos sobre a falta de control efectivo nestas augas; Augas de Galicia ten rexistradas múltiples sancións sobre esta situación, algunhas xa firmes, outras recurridas pola propia empresa infractora entendemos que para evitar o pago das sancións ou dilatar os prazos na firmeza".
Mentras, apunta, "a acidificación das augas e a presenza de sedimentos metálicos nos cauces comprometen a biodiversidade fluvial e a seguridade alimentaria das especies augas abaixo, unhas augas que van dar ao río Ulla. Os leitos dos regos conteñen residuos de anos de continua sedimentación".
Un novo proxecto baixo a sombra do incumprimento.
E sinala que "a empresa promotora, Cobre San Rafael, impulsa o Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) que, segundo asegura, garante a vertedura cero e a restauración das zonas degradadas. Unhas afirmacións que non resultan cribles despois de nove anos de actuacións no territorio sin resultados á vista dos feitos".
PUBLICIDADE
Chamada á acción e transparencia
Dende a Plataforma mina Touro O Pino Non e a Asociación Tralapena, fan un chamamento urxente ás administracións competentes —especialmente a Augas de Galicia e á Consellería de Medio Ambiente— "para que abandonen a pasividade e exerzan unha vixilancia real e inspectora sobre o terreo. Reclámase a instalación de estacións de medición continua en tempo real que garantan a transparencia dos datos de calidade da auga nos ríos Brandelos, Lañas e Pucheiras".
PUBLICIDADE
Ao mesmo tempo, instan á poboación local e aos usuarios dos ríos a non normalizar a contaminación. "A denuncia cidadá é unha ferramenta clave, recoméndase comunicar calquera cambio na cor das augas, cheiros anormais ou aparición de fauna morta ao 112 ou directamente ao SEPRONA ou contactando ás asociacións ambientais. Lembramos que calquera cidadán ten dereito a solicitar información ambiental e a esixir que se tramiten expedientes sancionadores ante indicios de vertidos ilegais. A impunidade só se mantén se as administracións miran para outro lado e a cidadanía cala. É o momento de esixir que a restauración ambiental sexa unha realidade inmediata e non unha promesa baleira", conclúen os colectivos.








Comentarios