A Mina de Touro: A historia in-de-terminable
- ecosdacomarca
- 22 abr
- 3 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Touro
A Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino escribe un novo artigo de prensa no que fala da "historia indeterminable da mina"
"Falar da contaminación dos ríos e solos da mina de Touro con algunha Administración, que pensemos que ten competencias, para atopar responsables lévanos sempre á mesma resposta, buscar ao culpable noutra porta. E como reza o devandito, entre todos matárona e ela solita morreu.

O maior dano que ocasionou a mina de Touro, que estivo uns doce anos en funcionamento entre os anos 70 e 80 do século pasado, produciuse nas augas, ao chan e ao aire; expropiou, ao redor dunhas 500 hectáreas, de campos de cultivo, montes de arboledo autóctono, terreos de pasto e cultivo, nunha zona rica en auga, con humidais, fontes e ríos, baixo leis franquistas que a día de hoxe seguen vixentes, falamos da lei de minas e a lei de expropiación; así atopamos na prensa desa época anuncios do ano 1984 de expropiacións de terras por parte da mina, dous anos despois coa baixada do cobre iniciaría o proceso de peche definitivo, pero non a restauración nin a devolución das terras, un exemplo do que se pode volver dar hoxe, en pleno século XXI, coa mesma lei vixente, se o proxecto de reapertura da mina aprobásese.
A concesión chega a 122 quilómetros cadrados, equivalente a toda a extensión do concello de Touro, e a empresa poderá ir aumentando os terreos para expropiar “á carta” segundo teña interese en continuar, como así xa manifestou en varias ocaciones, a súa intención é ocupar toda a concesión, e unha vez iniciado ir ampliando.
Como é posible que case corenta anos despois non se teña resolvido senón agravado a situación e sígaselles crendo ou sigan tendo adeptos? Sinxelamente podemos pensar que se permitiu por parte da Administración e o poder do diñeiro.
Publicidade
Podemos pensar que a mercantil propietaria e a administración acordaron, negociaron ou pactaron diferentes fórmulas que a ambas as partes conviñesen en cada momento, sen pensar realmente na restauración ambiental, nin tan sequera en esixir un plan de restauración, ou mesmo exporse a posibilidade da caducidade dunha concesión mineira sen actividade; simplemente deixando facer, confiando en que a lei neste país vai lenta e é cara, confiando sempre en que nunca pasará nada, e se pasa sempre compensará máis pagar a multa, que será leve, compensando o beneficio económico que a mercantil e os seus socios poidan obter, que sempre se puedrán ver fórmulas para iso.
Se recollemos en imaxes o pasado contaminante da mina de Touro ata os actuais propietarios e a nova sociedade instrumental coa que se quere pretender, unha vez máis, disfrazar un terrible dano ás augas dos ríos da contorna da mina, podemos pensar que unha vez máis nos fan crer que a reapertura da mina para a extracción de cobre é a solución ao problema e para iso ponse ao dispor todo o “aparello” político, social, instrumental, necesaria evitando que se poida chegar a ver a realidade que é que a mina non é a solución senón o problema; unha mercantil, sen ningún tipo de interese pola comarca máis aló que o do seu propio beneficio e monopolio, sen ningún tipo de rubor nin respecto cara ás persoas que habitan a zona, e co consentimento político ante a falsidade.
Publicidade
A última das situacións á que asistimos en 2018 no argumento de restauración ambiental na liña do que veñen entendendo desde hai 40 anos, faise un “esforzo” por parte da Administración en recoñecer que os ríos que saen da contorna da mina están contaminados por drenaxe de mina e esíxeselle á empresa un proxecto que evite os afloramentos ao dominio público hidraúlico; a tolerencia no cumprimento chega ata 2024, en seis anos dáselle por bo un proxecto de drenaxe “temporal”, non definitivo, e con el unha autorización de verteduras de augas con metais pesados tratadas quimicamente a un río que xa está danado: a escusa perfecta para seguir vertiendo con autorización, paradoxal e empezar a preparar o terreo para a futura reapertura da mina. E agora? Pois agora todo segue igual, pero con autorización, unha situación difícil de cualificar, por non dicir imposible".
Veciñas e veciños da Plataforma veciñal Mina Touro O Pino NON
Commentaires