A melidense Yara González Barral gaña o 2º premio de Novos Deseñadores do Encaixe de Camariñas
Un total de 38 mozos que están a dar os seus primeiros pasos no mundo da moda presentáronse a estes galardóns
Laura Moure/Melide
A xornada de clausura da XXXIV Mostra de Encaixe de Camariñas da Deputación da Coruña serviu para coñecer aos gañadores do XXXI concurso de Novos Deseñadores, entre eles unha melidense.
Publicidade
O primeiro premio, outorgado pola alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, recaeu en Estefanía Orgaz e Pedro Orgaz, que conquistaron ao xurado profesional coa súa colección. Mitra. O responsable da planta Stolt Sexa Farm Vilán, José Figueroa, entregou o premio a Ritual de lume e sombra, da melidense Yara González Barral, quen quedou en segundo lugar; mentres a colección Píntao de cores de Lucía Janeiro, Clara Rey e Antonio Soto que recibiron o premio de mans da responsable de relacións institucionais de Frigoríficos de Camariñas, Verónica Canosa; logrou o terceiro posto. O cuarto premio, entregado pola presidenta da Asociación de Empresarios e Promoción Turística de Camariñas, Olga Campos, recaeu en Onintze Aramburu e Sofía Puertas, con Aparencia.
Nesta edición repartíronse un total de 4.500 euros en premios repartidos da seguinte maneira: un primeiro premio de 2.100 euros, un segundo de 1.200 euros, un terceiro de 700 euros e un cuarto de 500 euros.

Yara González é de Melide, ten 24 anos e estudou deseño de moda na Easd Mestre Mateo, que rematou o ano pasado e agora está facendo patronaxe e confección na Academia Susa Suárez en Santiago. "Quedar de segunda no concurso de Camariñas para min é un gran recoñemento ao traballo que levo facendo nos últimos tres meses deseñando e confeccionando a colección. Había moita competencia; os meus compañeiros tiñan coleccións moi interesantes e ao ver que me escolleron a min entre todos alégrame moito", contános a melidense.
Un total de 38 mozos que están a dar os seus primeiros pasos no mundo da moda presentáronse a estes premios. As orixes dos novos deseñadores foron moi diversos, formados nas mellores escolas a nivel estatal. O xurado estivo composto polos seguintes deseñadores: Modesto Lombra, Charo Carrillo, Ana Cabranes, Claudina Mata e Francisco Basteiro.
Publicidade
Na cerimonia de clausura, a concelleira de Encaixe, Encarna Liñeiro, afirmou que "a Mostra é un evento que conserva a súa esencia máis pura, pero que soubo evolucionar, crecer e adaptarse aos novos tempos sen perder a súa identidade. Hai anos deixou de ser só un escaparate de artesanía; hoxe é unha pasarela de referencia no mundo da moda, recoñecida en todo o país".
No seu discurso, destacou que "este ano o noso Mar de Piques representou esa forza colectiva, esa artesanía de salitre e talento que nos identifica. Porque aquí, entre piques, deseños, libros, concertos e moita emoción… seguimos tecendo o futuro. Pasamos días escoitando o son dos escarvadentes, vendo sorrisos, intercambiando palabras co público, cos expositores, cos recolectores… e todos coincidimos: Camariñas ten algo único. E por iso, volveremos o ano que vén, con novas ideas, novos proxectos e a mesma ilusión de sempre".









Comentarios