'A luz de quedar' de Francisco Javier Vázquez gaña o XI Concurso Balbino de Relatos
Laura Moure/Vila de Cruces
Este mércores día 9 de setembro reuniuse no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela o xurado do XI Concurso Balbino de Relatos, constituído por Rosalía Morlán, en calidade de presidenta, Fernando González Graña, vogal, e Armando Requeixo, actuando como secretario. Logo da pertinente deliberación, o xurado decidiu outorgar por maioría o premio do concurso ao orixinal presentado baixo o título A luz de quedar. Unha
vez aberta a plica, o texto resultou ser da autoría de Francisco Javier Vázquez Losada.

O xurado destacou en A luz de quedar a súa excepcional capacidade para converter a experiencia cotiá dunha pequena comunidade galega nunha reflexión fonda e emocionada sobre a memoria, os afectos e a persistencia. A través dunha prosa sobria, precisa e de grande eficacia evocadora, o libro ilumina a vida duns personaxes marcados pola perda, o traballo, a soidade e a dificultade de expresar o amor. Lonxe de toda idealización do rural, esta narrativa deixa alentar o silencio, a retranca e os xestos mínimos para recrear un universo humano de extraordinaria verdade.
Así mesmo, o xurado salientou tamén na obra a madurez da súa escrita, a coherencia do seu mundo ficcional e a súa fonda capacidade de conmover sen caer no sentimentalismo, facendo bandeira da defensa dos coidados invisibles, da dignidade dos oficios e da necesidade de preservar os vínculos que sosteñen unha comunidade.
PUBLICIDADE
Tamén si, o xurado quixo significar e agradecer o esforzo de Edicións Fervenza (que será o responsable da publicación da obra gañadora) fai para que este certame sexa unha realidade, empeño no que conta coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a Deputación de Pontevedra, a Deputación de Ourense, e os concellos de Vila de Cruces, Boqueixón e Silleda, así como co apoio da Fundación Xosé Neira Vilas.
Canto ao gañador do certame, Javier Vázquez Losada (Ourense, 1967), conta no seu haber cunha dilatada traxectoria autorial, tanto en lingua galega coma castelá. En galego salienta o seu poemario Tras de ti, co que obtivo o Premio de Poesía Faustino Rey Romero en 2008 ou o relato “Actor de raza”, distinguido no Certame Literario Manuel Oreste Rodrígurez López en 2003.
PUBLICIDADE
Pola súa banda, en lingua castelá ten publicado tanto novela (Rendijas, 2005; Los átomos errantes, 2006 ou Ángel y el viaje inesperado, 2022) como narrativa breve (Muerte por encargo y Ya, 2006 ou Palabras, 2004), poesía (La vida en un día, 2008 ou Versos portátiles, 2016) e mesmo ensaio (Alrededor de Luis Alberto de Cuenca, 2011).
Toda esta produción foi distinguida en diversas ocasións con premios tan prestixiosos como o Premio de Novela Negra Ciudad de Getafe, o Premio Blas de Otero de Poesía, sendo tamén finalista do Ateneo de Novela de Valladolid e do Premio Planeta en 2015.









Comentarios