A intensidade dos Enganches pechará Equina Galicia 2026 cun Open que suma varios títulos
- Laura Moure
- hace 4 minutos
- 2 min de lectura
A cita será do 10 ao 12 de xullo no recinto Feira Internacional de Galicia en Silleda
Laura Moure/Silleda
O evento ecuestre Equina Galicia 2026, o cal se celebrará do 10 ao 12 de xullo no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA en Silleda baixo a organización da Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA), acollerá na súa última xornada a segunda proba das catro que compoñen o Campionato Galego de Enganches.

Esta competición será un Open, polo que incluirá probas tanto federadas como non federadas. Así, será puntuable para o Campionato de Galicia en tres modalidades, Limonera e Tronco, ambas consistentes en carruaxes de catro rodas pero cun cabalo
no primeiro caso e con dous no segundo e tamén Ponis, orientada a nenos cunha
carruaxe tirada por un poni. Na proba Libre, non federada, admitirase calquera tipo de
cabalo e coche.
PUBLICIDADE
Esta cita conta de novo con nomes relevantes nesta disciplina deportiva. Así, entre a súa decena de participantes, procedentes de distintos puntos de Galicia, figurará o Campión de España de Limonera Individual en 2023 e subcampión nesta mesma modalidade en 2024, ademais do campión de Andalucía en 2025. Sumarase o cocheiro máis antigo de Galicia.
PUBLICIDADE
A proba estará conformada en todas as súas modalidades por dúas saídas a pista dos participantes, que recibirán a súa puntuación en función da media desas dúas voltas. Será unha trepidante competición na que colaboran o Club de Enganches de Galicia, difusor deste deporte na comunidade e que conta con 47 socios; a Federación Hípica Galega e ACCEGA, a cal fai posible un ano máis incluír esta proba en Equina. Unha posibilidade que agradece Carlos Otero, presidente do Club de Enganches de Galicia, por supoñer un impulso para este deporte bastante descoñecido.
PUBLICIDADE
Nove competicións máis
Esta proba de enganches súmase en Equina Galicia 2026 a outras nove salientables competicións, o XII Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, proba morfofuncional que é o eixo central desta cita ecuestre; a III Proba de Equitación de Traballo e sete competicións de Doma Clásica, das cales se levarán a cabo por primar vez o Concurso Nacional, unha Copa ANCCE e a Copa Concello de Silleda, mentres que repiten a Copa Rías Baixas-Deputación de Pontevedra, o Trofeo Xunta de Galicia-Medio Rural de Doma Clásica, a Copa Accega e o Territorial. Ademais, haberá bautismo hípico, unha conferencia e un clinic.





