A I Marcha BTT Cicloturista “Arzúa Destino Verde” alcanza os 400 inscritos
- ecosdacomarca
- hace 1 día
- 2 Min. de lectura
Celebrarase este sábado 24 de maio cunha ampla participación que consolida Arzúa como destino verde e dinamizador do comercio e a hostalería local
Ecos da Comarca/Arzúa
A primeira edición da Marcha BTT Cicloturista “Arzúa Destino Verde”, organizada pola Concellería de Turismo do Concello de Arzúa, está a superar todas as expectativas cun total de 400 persoas inscritas. A cita, que se celebrará este sábado 24 de maio, con saída ás 9:30 horas dende o campo da festa de Santa María, conta con dúas opcións de percorrido: unha ruta curta de 31 km e outra longa de 46 km.

Esta elevada participación supón un importante respaldo á iniciativa e sitúa a Arzúa como un destino verde de referencia, ademais de contribuír á promoción do comercio e da hostalería local. O evento atraerá a centos de visitantes que descubrirán non só os fermosos espazos naturais da contorna, senón tamén a súa oferta gastronómica e de servizos.
Publicidade
A concelleira de Turismo, Begoña Balado, amosou a súa satisfacción pola acollida da proba: “Para nós é unha enorme satisfacción comprobar que esta primeira edición da marcha BTT tivo tan boa acollida. Detrás desta iniciativa hai moito traballo e ilusión, e ver que 400 persoas apostan por Arzúa como destino para gozar da natureza e do deporte é moi emocionante. Queremos dar as grazas a todas as persoas participantes e tamén ás corenta entidades e empresas que se implicaron. O noso concello está preparado para ofrecer unha experiencia inesquecible a quen nos visite”, destacou.
Publicidade
A proba discorrerá por espazos de gran beleza paisaxística e interese cultural, como as corredoiras de Pantiñobre, a capela de San Xoán de Navas ou a emblemática Fontesanta, contribuíndo á valorización do patrimonio natural e histórico do municipio. Cómpre salientar tamén o importante apoio recibido por parte do tecido empresarial: máis de corenta entidades e empresas sumáronse á colaboración co evento, ofrecendo premios como noites de aloxamento ou xantares, así como outros agasallos ou diversos servizos. A organización convida a toda a veciñanza e visitantes a achegarse este sábado para gozar dunha xornada que combinará aventura, natureza, e turismo sostible no corazón de Galicia.
Comments