top of page

A Fundación Xosé Neira Vilas de Cruces presenta o Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia

O prazo de admisión de orixinais pecharase o 24 de febreiro de 2022, Día de Rosalía de Castro, e o premio está dotado con 1.000 euros


Laura Moure/Vila de Cruces

A Xunta de Galicia sumose este luns á conmemoración do Día das Escritoras con diversos actos que homenaxean e difunden a figura e a pegada de autoras destacadas das nosas letras.


Baixo o título Non se acouga con tanta multitude: unha aproximación á obra literaria de Xohana Torres, o Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia acolleu unha conversa entre as autoras Montse Pena Presas e Dolores Vilavedra, que revisou desde unha perspectiva poliédrica e divulgativa a traxectoria da poeta, dramaturga, narradora e ensaísta galega. Esta abordaxe comezou pola poesía de Xohana Torres, para seguir coa escrita dramática e a produción narrativa, sen esquecer o seu papel como pioneira da literatura infantil e xuvenil galega.

Autor: Rosalía Morlan.

O encontro, que comezou ás 19,00 horas no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia, contou coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, quen puxo en valor a traxectoria desta autora galega, Premio da Crítica Española en 1981, e incidiu “na calidade e diversidade da súa obra escrita e do seu significativo papel no desenvolvemento da nosa literatura e na normalización e espallamento da lingua galega”. O evento, retransmitido en liña, está dispoñible na canle de YouTube da Cidade da Cultura.


Á mesma hora, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou nun acto en homenaxe á escritora teatral Anisia Miranda, esposa de Xosé Neira Vilas, que se celebrou na Fundación Xosé Neira Vilas de Vila de Cruces. A ofrenda floral no cemiterio parroquial de Gres deu paso á lectura pública de fragmentos dunha das obras da autora, Mitos e lendas da vella Grecia, e á revisión da súa traxectoria literaria.


O acto incluíu a presentación do Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia, co que colabora a Consellería de Cultura, Educación e Universidade coa finalidade de estimular a creación teatral e de proporcionarlles a nenas e nenos obras que poidan representar.


Poderán participar todas as persoas que o desexen, de calquera nacionalidade, con textos inéditos escritos en lingua galega. O prazo de admisión de orixinais pecharase o 24 de febreiro de 2022, Día de Rosalía de Castro. O premio está dotado con 1.000 euros e entregarase o 27 de marzo, Día do Teatro.


O Día das Escritoras

A conmemoración do Día das Escritoras arrancou en 2016 por iniciativa da Biblioteca Nacional de España, a Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas e Modernas. Desde aquela, procura visibilizar o labor das mulleres no ámbito literario. Celébrase cada ano no luns máis próximo á data do 15 de outubro, correspondente á festividade da escritora e relixiosa santa Tareixa de Ávila.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page