O acto terá lugar o xoves 4 de novembro no Café Casino ás 20:30 horas
Laura Moure/Lalín
A Fundación para o coidado da Saúde Mental en Galicia (Salma) é unha entidade sen ánimo de lucro que traballa para mellorar as condición das persoas con problemas de saúde mental. Estas enfermidades veñen cobrando protagonismo nos últimos meses, xa que case unha cuarta parte da poboación está afectada, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS).
"Dende Salma presentamos este ano no Parlamento de Galicia unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para crear unha Lei galega de Saúde Mental, co consenso e a colaboración de numerosos colectivos e colexios profesionais da sociedade civil galega. Esta iniciativa busca dar respaldo legal ás reformas para paliar a mala situación na que se atopa a saúde mental na Comunidade de Galicia. Ademais, trata de implantar un modelo integral de atención sociosanitaria á altura dos estándares estatais e europeos".
Para que a Lei chegue ao Parlamento e sexa debatida, é preciso recoller 10.000 sinaturas, por iso esta asociación achégase ata Lalín para dar a coñecer esta proposta. O encontro será o xoves 4 de novembro ás 20:30 horas no Casino de Lalín. O obxectivo é que as persoas interesadas poidan coñecer esta iniciativa e colaborar con ela firmando para que se teña en conta no Parlamento.
"Deste xeito, faremos unha presentación pública da ILP para unha Lei Galega de Saúde Mental, e explicaremos todo o seu contido. Dende a Fundación, convidamos a todas as persoas que acheguen o seu gran de area e coñezan de primeira man o obxectivo do noso proxecto", recalca.
Yorumlar