top of page
Foto del escritorecosdacomarca

A forxa de Dono: toda unha lenda en Salmonte

José Dono Sanmartín era o ferreiro deste lugar de Arzúa que arranxou os apeiros de toda a

contorna

A forxa de Dono. Fonte: Ecos da Comarca


Laura Moure/Arzúa

Moitos dos oficios de antano están en perigo de extinción e aqueles que continúan van reiventándose para adaptarse aos novos tempos. Moitos deles xa forman parte da historia. Na aldea de Salmonte, en Burres (Arzúa), atópase un exemplo importante do Patrimonio que lembra a un deses oficios: o de ferreiro. Falamos dunha pía de auga, fundamental para poñer en marcha a forxa de José Dono Sanmartín, o ferreiro do lugar. A pía data polo menos do século XVIII e leva uns 35 anos sen usarse, tal e como conta Luís Dono, o fillo do ferreiro, que tamén traballou xunto ao seu pai.


“Axudeille moito a traballar aí. No inverno había cola e viñan as seis da mañá e el deitábase as tres porque eran cando cavaban no monte e había que calzar os ligóns. Traballaba toda a noite e despois, á mañá xa estaban aí para ir ao xornal”, indica Dono. “Os ligóns facíanse segundo como era quen andaba con el”, remarca David Furelos, un veciño do lugar. “Se era forte facíanse máis robusto”, engade.


O traballo de ferreiro era duro e as 24 horas do día apenas chegaban. “Meu pai traballaba moitísimo ata as tres ou catro da mañá. Facía fouciños, fouces, machetas para toda a contorna”, lembra tamén a súa filla María Dono.


O proceso do forxado consiste en cambiar a forma dun metal quente por medio de golpes dun martelo pilón ou por presión nunha prensa. Como material básico para a obtención das pezas forxadas úsase o aceiro e algunhas aleaccións a base de cobre, aluminio e magnesio. “A carabuñada tiña que estar ben preparada. Se colle moita auga rompe coma o cristal, se colle pouca dobra”, conta Dono, quen relata que “compraba fincas de uces, pagaba o xornal para arrancar a cepa para queimala e obter o carbón. A uz cortábase e facíase con ela lume no forno porque quentaba moito. Logo quedaban as raíces e meu pai traía xente forte para arrancala. Facían un burato enorme e metíana alí e tapábana e non lle podía entrar nada de aire e tiña que botar toda a noite. Despois ardía e quedaba o carbón", explica. “E tiñamos un cribo grande para peineirala e saía todo o polvillo”, explica María Dono, que calcula que forxa ten uns 100 anos. Tamén conta que ultimamente, seu pai xa mercaba o carbón e que o ferro o traía de Santiago ou Melide.


Ata Salmonte chegaba xente de distintos lugares para arranxar os seus apeiros de labranza e poder traballar de sol a sol no campo. “A forxa montáronlla para un dos meus tíos, pero despois el casou cunha muller de Ferreiros e montou alá outra e esta quedou para meu pai que foi quen quedou na casa”, sinala María Dono. “Viñan xente de toda a zona: Branzá, Beseño, Burres… menos da parte de Ferreiros que alí xa estaba meu tío”, recalca a filla do ferreiro. Contan que a xente ía sobre todo á forxa cando chovía porque así non podía traballar no campo e aproveitaban para preparar as ferramentas. “Era un traballo moi duro e meu pai sempre tiña os ollos enfermos porque non había protección para nada. E meu avó estaba alí metido sempre", recorda María.

Antigamente era moi habitual empregar remedios caseiros para curar todo tipo de doenzas e da forxa de Dono tamén saían unhas destas “menciñas milagreiras”. Lembran que a auga do carbón se empregaba para remedios. “Cando se inchaban os ollos botábaselles auga do carbón e do ferro e pasaban”, sinala Luís Dono. “Nós somos 13 irmáns, eu son o máis novo, e moitos de nós levantámonos unha mañá cos ollos todos pegados e miña nai veu aquí a buscar auga para lavalos”, recorda Furelos.


Sen dúbida, a forxa de Dono é un baúl cheo de recordos e que sempre formará parte desta lugar de Arzúa e seguro que máis dun lembra con cariño ao seu ferreiro.

A pía de Dono. Fonte: Ecos da Comarca

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page