A firma lalinense Florentino recolle a súa Mención Especial nos Premios Benfeito de Consumo
- Laura Moure

- 8 nov
- 2 Min. de lectura
Estes galardóns consolidan o seu carácter de recoñecemento á excelencia, innovación e compromiso coas persoas consumidoras
Laura Moure/Lalín
A Sala Eisenman encheuse o xoves cun ambiente festivo e de recoñecemento colectivo: case un centenar de persoas do tecido empresarial, cultural e institucional galego acompañaron a entrega dos Premios Benfeito de Consumo, impulsados pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL). A xornalista Carmen Chao conduciu unha gala áxil e próxima, na que Tonhito de Poi puxo a nota musical e o profesor Gumersindo Feijoo achegou unha reflexión sobre o ecobranqueo.
No capítulo de gañadoras, Gadis impúxose en Produtos Alimenticios; Santos, en Produtos Non Alimenticios; e Xenera, en Servizos; elixidas pola cidadanía mediante unha votación pública aberta nas últimas semanas nas canles oficiais da Unión de Consumidores de Galicia.
Abrindo a rolda de entregas, GADIS recibiu o galardón de mans da conselleira do Mar, Marta Villaverde; e do secretario xeral da UCGAL, Miguel López. A organización subliñou a traxectoria dunha marca que constrúe confianza día a día, coida o produto, ás persoas e ao país, e que converte a compra cotiá nun acto de corresponsabilidade que multiplica valor no territorio.

A gala continuou coa distinguida na categoría de Produtos Non Alimenticios, onde Santos foi distinguida pola súa capacidade para “vender criterio”, unindo ergonomía, precisión e beleza discreta para crear espazos nos que apetece estar —porque, como ben se lembrou na gala, a cociña é o corazón do fogar, o lugar onde a vida acontece—. Entregaron o premio o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González; e a presidenta da UCGAL, Rocío Arnoso.
Pechou o bloque competitivo a categoría de Servizos, na que Xenera foi recoñecida por transformar a enerxía en confianza: tarifas comprensibles, atención próxima e impulso do autoconsumo e das comunidades enerxéticas para que o quilovatio deixe de ser só unha cifra e se converta en benestar. O premio foi entregado pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; e a directiva da UCGAL, Carolina Castro.
A gala detívose despois nas Mencións Especiais. Editorial Galaxia foi distinguida polo seu labor de 75 anos facendo e sendo país, tendendo pontes entre xeracións e prestixiando a lectura en galego; entregaron a distinción a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o presidente do CES Galicia, Manuel Pérez; e Miguel López. Finalmente, a firma lalinense Florentino recibiu a Mención Especial pola súa contribución á construción dunha marca de prestixio con identidade propia, coherente no tempo e recoñecible pola calidade; fixérono o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; e a presidenta da UCGAL.
Publicidade
Ao longo do acto, a organización lembrou que os Benfeito teñen carácter bianual e naceron para distinguir excelencia, innovación e compromiso coas persoas consumidoras das empresas asentadas en Galicia. Na primeira edición (2023) foron recoñecidas Estrella Galicia (Produtos Alimenticios), Naviera Mar de Ons (Servizos) e Droguerías Arenal (Produtos Non Alimenticios), con Mencións Especiais ao Mercado de Abastos de Santiago e Bodegas Algueira.
A UCGAL salientou os Benfeito como plataforma que visibiliza boas prácticas e reforza a confianza entre cidadanía e empresas. A gala foi, en esencia, unha celebración do que Galicia sabe facer ben: producir, servir e crear valor con responsabilidade.







Comentarios