A autora achega nesta obra ao público xeral a orixe e o significado de 163 nomes da terra
Ecos da Comarca/Antas de Ulla
Tal e como recolle a Real Academia Galega na súa web, a filóloga Andrea Santiso Arias presentou o pasado venres 16 de febreiro na Casa da Cultura de Antas de Ulla o novo libro da colección Terra Nomeada da Real Academia Galega dedicado aos topónimos deste concello, descargable na sección de publicacións de academia.gal. A autora achega nesta obra ao público xeral a orixe e o significado de 163 nomes da terra, entre eles o do lugar de Nugallás, onde se sitúa, segundo determinou o Instituto Xeográfico Nacional en 2020, o centro xeográfico de Galicia. Andrea Santiso estivo acompañada na presentación polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; a académica Ana Boullón, en representación da AGOn; e a alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto.
Toponimia de Antas de Ulla sae do prelo co apoio económico do propio Concello de Antas de Ulla, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación, dentro dunha colección que a RAG edita en colaboración coa AGOn. O volume, dispoñible en edición dixital na páxina de publicacións de academia.gal, percorre as 28 parroquias deste municipio lugués e os seus 133 lugares. Son en total 163 topónimos, aos que Andrea Santiso engadiu outros dous que non figuran no Nomenclátor de Galicia (cinguido aos nomes de entidades de poboación), O Campo das Antas e O Rego do Santo, así como o do monte Farelo.
Farelo, o punto máis alto de Antas de Ulla, a 952 metros, é etimoloxicamente un diminutivo de Faro, nome que, á súa vez, designa o monte de 1185 metros situado entre os concellos de Rodeiro e Chantada. O termo, explica Andrea Santiso nesta obra divulgativa, procede do grego e designaba a illa de Pharos na cidade portuaria de Alexandría. “Non obstante, xa que en Antas nin hai mar nin o temos preto, cómpre interpretarmos metafóricamente o topónimo, aínda que é posible que antigamente se prendese lume na súa cima co obxectivo de establecer unha comunicación cos que estaban embaixo ou cos que estaban noutra altura situada a distancia”, expón a filóloga. Canto á súa datación, Farelo rexístrase por primeira vez no século XIX, o que confirma a súa formación xa dende a lingua galega. Con anterioridade, o monte chamouse Summio, do latín ‘o máis alto’, segundo se constata en documentación do século VI ao XII.
De Seoane das Antas a Antas de Ulla
Canto ao nome do concello, Antas de Ulla, o primeiro elemento, Antas, fai referencia seguramente á abundancia de antas co sentido de laxe dun monumento megalítico, de acordo co transmitido pola tradición oral e en consoancia con outro topónimo incluído nesta obra, Campo das Antas. O segundo termo, Ulla, é o hidrotopónimo de raíz indoeuropea que designa o río que nace na parroquia de Olveda, a segunda conca de Galicia despois da do Miño.
Cando en 1836 se creou o concello de Antas de Ulla, tomou o nome de Antas, a parroquia onde se estableceu a casa consistorial, que non coincidía co da vila, chamada Seoane (pronunciada Soane), conta a autora. “Co tempo, a vila pasou a coñecerse tamén co mesmo nome da parroquia e do concello, Antas, e desde o ano 1916, para desfacer a homonimia cunha localidade situada en Almería, adquiriu o complemento de Ulla”, detalla. “Este vínculo esperta un certo interese filolóxico debido á distancia xeográfica entre os dous territorios (Antas, Almería – Antas, Lugo), aínda que se estima que non é posible unha orixe común”.
Publicidade
Malia a instauración do nome oficial, a vila de Antas de Ulla seguiu sendo coñecida como Soane ata ben entrada a década de 1970. A atestación máis antiga atópase nun pergameo do ano 1210 do mosteiro de Vilar de Donas e o primeiro rexistro da grafía moderna, Seoane das Antas, consta nun códice medieval do mosteiro de Oseira de 1473, indica Andrea Santiso Arias, que para realizar este traballo consultou numerosas fontes documentais, entre elas corpus como o Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega (TMILGA), o Corpus Documentale Latinum Gallaecia (CODOLGA), o Arquivo da Catedral de Santiago de Compostela ou o Arquivo Histórico Nacional de Madrid.
Publicidade
A axuda da veciñanza de Antas de Ulla foi outro recurso para sacar adiante unha obra que lle permitiu á autora descubrir recunchos da súa terra natal que aínda non coñecía. Percorreuno palmo a palmo na compaña do seu pai, Xosé Luís Santiso, autor das fotografías que ilustran o volume, dende Aboi ata Vilasión. Algunha das múltiples paradas desta viaxe de investigación é singular na onomástica galega. É o caso de Bellós, un topónimo único cunha etimoloxía descoñecida, quizais derivado dun nome dun posesor; ou de Dorra, outro nome que non se repite no Nomenclátor de Galicia e que destaca pola súa importancia histórica, pois figura nun escrito do ano 572 do Liber Fidei Sanctae Bracarensis Ecclesiae, manuscrito no que se establece a delimitación oficial de once circunscricións territoriais da diocese de Lugo. “Nel menciónsase Durria como límite dun dos condados, o Comitatus Durriensis, estremeiro cos de Pallares (Pallarensis), Deza (Decensis) e A Ulloa (Ulliensis)”. De motivación dubidosa, o académico correspondente Nicandro Ares (1926-2017) suxeriu unha relación con Durrius, variante de Durius, que ademais de nome de persoa foi tamén de río (o río Douro).
Publicidade
Nugallás, o corazón de Galicia
Outro dos topónimos únicos de Galicia que dá Antas de Ulla é o do lugar de Nugallás, se ben nas falas do occidente galego se atopa o seu correlato Nugalláns. Situado entre as parroquias de Arcos e de San Fiz de Amarante, “aínda que a realidade percibida pola veciñanza é que se trata dun único territorio”, apunta a autora, o nome do declarado como centro xeográfico de Galicia podería referirse á abundancia de nogueiras na zona. Outra posibilidade é que remita a ao adxectivo nugallán, referido a unha persoa con falta de vontade para facer algo que require algún esforzo. Sería daquela un topónimo de natureza xocoso-despectiva como o Mintiráns de Muxía.
Comments